O Waterpolo Pontevedra repite presenza na Copa FANáticos en Zaragoza
Por Redacción
O equipo alevín do Club Waterpolo Pontevedra estará presente na quinta edición da Copa FANáticos de waterpolo, considerada como o Campionato de España oficioso da categoría.
A cita, organizada pola Federación Aragonesa de Natación celebrarase os días 17 e 18 de xuño en Zaragoza.
Alí estarán presentes 32 equipos de toda España, que serán repartidos en oito grupos para a fase inicial da competición. Pasarán aos oitavos de final os dous primeiros equipos de cada grupo, mentres o resto pelexarán polos postos 17 a 32.
Colexio Brains e CNW Majadahonda de Madrid e o CN Sant Andreu de Barcelona será os rivais de grupo do Pontevedra, que viaxará cun equipo composto por Martín Souto, Pablo Vieites, Adriana Salgado, Xela Paz, Iria Amoedo, Noa Tacón, Manuel Taboada, Izaskun Tellería, Breixo Poses e Paula Millán xunto ao técnico Kike García.
DOBRE MEDALLA NO CAMPIONATO GALEGO INFANTIL
Positivo resultado o conseguido polo Waterpolo Pontevedra no Campionato Galego Infantil de Verán disputado en Ferrol, no que conseguiu subir ao podio cos seus dous equipos.
O primeiro deles, formado por xogadores infantís de segundo ano, logrou a medalla de ouro, mentres o equipo B con xogadores de primeiro ano na categoría conluyó en terceira posición coa medalla de bronce. Segundo foi o primeiro equipo do Mariña Ferrol.