Medio milleiro de participantes para a estrea da 4 Picos Road
Por Diego Espiño
Unha nova proba deportiva verá a luz na cidade de Pontevedra o vindeiro domingo 18 de xuño, a 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela.
Esta marcha cicloturista nace co obxectivo de "redondear a marca 4 picos" e converterse en "unha festa do ciclismo", sinalou na presentación Josevi Cimadevila, responsable da organización.
A intención desde o principio foi "que fora alcanzable para todo o mundo", e por iso habilitáronse ata tres distancias.
A principal será a marcha completa de 138 quilómetros e ascensións aos altos de Castiñeiras, A Fracha, Monte Acibal e Monte Castrove con máis de 2.500 metros de desnivel acumulado, pero moitos dos participantes optaron pola opción de dous picos (65 quilómetros) ou de tres picos (98 kilómteros).
Será unha estrea positiva, xa que ao peche da inscrición foron 510 os deportistas confirmados. Entre eles atópase todo un gañador do Tour de Francia como Óscar Peirero, ademais de personaxes do mundo do ciclismo como Moisés Dueñas, Álvaro Pino ou Javier Guillén, entre outros.
A saída dos 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela darase de forma neutralizada ás 9:00 horas desde a Avenida Montero Ríos. Todo o percorrido será controlado por efectivos de seguridade ata o alto final, o Monte Castrove, no que se realizará unha ascensión cronometrada para maior reto persoal dos participantes. A marcha concluirá ao coroar a última ascensión, Castrove-A Escusa, desde onde se agrupará aos participantes en pequenos grupos para afrontar os últimos quilómetros ata o centro de Pontevedra.
Trátase en todo caso dunha proba que aspira a consolidarse no calendario deportivo da cidade e que "non é para competir, é para disfrutar da bicileta", explicou Evaristo Portela, actual director do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, agradecido pola homenaxe que supón o evento.
Relacionadas:
-
O mundo do ciclismo rinde homenaxe a Evaristo Portela na primeira edición da 4 Picos Road
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
1.200 quilos de solidariedade na Pontevedra 4 Picos
Por Redacción |
-
A Pontevedra 4 Picos, unha auténtica festa do ciclismo BTT na súa terceira edición
Por Diego Espiño |
-
A Pontevedra 4 Picos terá tamén versión en estrada coa Clásica Evaristo Portela
Por Redacción |