A Baixada do Umia de piragüismo cumpre 23 anos
Por Redacción
A praia fluvial de Portas será un ano máis punto de saída da Baixada do Umia de piragüismo, proba que chega á súa XXIII edición en plena forma e que se celebrará o vindeiro domingo 11 de xuño.
A inscrición pechouse con case 250 deportistas confirmados de 25 clubs, superando a cifra da pasada edición.
Serán 14 quilómetros de percorrido río abaixo ata chegar á meta, que estará situada xunto á ponte de Cabanelas, en Ribadumia.
Como vén sendo habitual neste tipo de competicións a saída, que se dará ás 17:00 horas, será desde terra, coas embarcacións na beira do río e os deportistas uns pasos máis atrás esperando a orde dos xuíces para lanzarse á carreira e comezar o percorrido.
A XXIII Baixada do Umia está organizada polo Club Náutico O Muíño coa colaboración da Federación Galega de Piragüismo, sendo proba puntuable para a Liga Galega das categorías cadete, xuvenil, senior e veterano.