Pontevedra espera "unha nova invasión do tríatlon" co Campionato de España por Clubs
Por Diego Espiño
Desde a Copa de Europa do ano 2008 Pontevedra non faltou á súa cita anual co tríatlon de alto nivel, e esta vez non ía ser menos.
A cidade prepárase para acoller durante o sábado 10 e o domingo 11 de xuño o Campionato de España por Clubs, no que tomarán parte ata 750 deportistas nas diferentes categorías.
Será "unha nova invasión do tríatlon en Pontevedra", sinalou na presentación do campionato o presidente da Federación Galega, Óscar Surís, xunto á concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e o director do CGTD, Jesús López.
Durante a xornada de sábado está prevista a competición na categoría de promoción, coa modalidade masculina (15:30 horas), a feminina (17:30 horas) e a proba popular Pontealtri (19:30 horas).
Para o domingo pola súa banda queda a competición elite desde as 9:00 horas, cando se dará a saída á Segunda División Feminina. Tras esa categoría chegará a quenda da Segunda División Masculina (10:30 horas), Primeira División Feminina (12:00 horas) e Primeira División Masculina (13:30 horas).
Todas as carreiras disputaranse en distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé) coa zona de transición instalada na contorna da ponte dos Tirantes. O circuíto será o mesmo que na Copa do Rei do pasado ano, co ciclismo pasando por Rafael Areses, Avenida de Compostela, Campus e Avenida de Bos Aires e a zona da proba a pé pola subida cara a Monte Porreiro.
Cada un dos equipos participantes contará cun mínimo de 8 deportistas e un máximo de 10, competindo nunha clasificación por puntos en función dos seus respectivos postos. Haberá ademais un vencedor individual en cada proba.
Aínda que o único club pontevedrés inscrito é o Motobike Galaico na proba de promoción feminina, serán varios os deportistas locais presentes na competición como Pablo Dapena (Cidade de Lugo) ou Carmen Gómez Cortés (Tríatlon Ferrol).
Este Campionato de España que acolle Pontevedra é a terceira cita da tempada na Liga Nacional de Clubs organizada pola Federación Española de Tríatlon.
Relacionadas:
-
O Cidade de Lugo Fluvial lócese no peche do Nacional por Clubs de tríatlon
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra, fiel á súa cita anual co tríatlon
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Comezan as restricións de tráfico para a celebración do Campionato de España de Tríatlon
Por Oskar Viéitez |
-
Pablo Dapena e Saleta Castro, campións galegos de tríatlon sen drafting
Por Redacción |
-
Saleta Castro, quinta no Ironman de Lanzarote
Por Alejandro Espiño |
-
Pablo Dapena proclámase subcampión de España de tríatlon de media distancia
Por Redacción |
-
Brillante debut de Carmen Gómez en distancia olímpica cun bronce na Copa de Europa
Por Diego Espiño |