Tres nenas pontevedresas rompen o 'teito de cristal' do rugby italiano
Por Alejandro Espiño
A loita pola igualdade está chea de pequenos xestos. Un deles é o que acaban de protagonizar tres nenas pontevedresas, que se converteron en pioneiras dentro do rugby italiano. Así o desvelou o seu equipo, o Pontevedra Rugby Club.
A pesar dos problemas iniciais, Alejandra, Eva e Uxía conseguiron finalmente disputar o Torneo Internacional de Città de Firenze de rugby, ao que asistiran con toda ilusión xunto cos seus compañeiros do equipo sub-14 do Pontevedra Rugby Club.
Coa súa participación lograron crebar as normas italianas que, neste deporte, non permiten os equipos mixtos.
E iso que non o tiveron nada fácil. O día anterior ao torneo, o club organizador comunicou ao adestrador do conxunto pontevedrés que a Federación Italiana non permite os equipos mixtos a partir dos 11 anos "algo inaudito porque en Galicia permítese en todas as categorías inferiores e é unha realidade totalmente normalizada", relata Alberto Fernández.
O club pensou seriamente non participar "por ética e por darlles unha lección de igualdade aos nenos". Pero tras varios partidos disputados, cando os pontevedreses ían debutar, comezou a coñecerse o ocorrido coas tres nenas, que quentaran mesmo co equipo.
Tras duras negociacións co colexio arbitral, o equipo anfitrión decidiu romper as normas en favor da igualdade e permitir que as tres nenas pontevedresas xogasen co seu equipo.
"En canto comunícanme que se eu me responsabilizo déixanas xogar, decidín sacalas ás tres xuntas formando a primeira liña da melé e nomeei a unha delas capitá á fronte do equipo", conta o adestrador pontevedrés, que admite que nese momento respirábase a emoción "ata chegar a un punto de que cada xogada delas era seguida dunha ovación".
A primeira consecuencia da participación das nenas pontevedresas foi que outro dos equipos italianos sacou a xogar tamén a outra nena que, por primeira vez, puido xogar cos compañeiros cos que sempre adestra e deixar de ser espectadora.
Relacionadas:
-
O rugby pontevedrés internacionalízase
Por Redacción |
-
Todos a un tempo no rugby pontevedrés
Por Redacción |
-
Obxectivos ambiciosos para a nova tempada do Pontevedra Rugby Club
Por Redacción |
-
RADIO.- Pontevedra Rugby Club e Mareantes únense para conseguir un equipo senior feminino
Por Marisa Ciordia |