Os abonos para a Copa de España de fútbol sala custarán 18 euros
Por Diego Espiño
O Poio Pescamar avanza na preparación, deportiva e tamén organizativa, da Copa de España de Fútbol sala Feminino que se celebrará no pavillón municipal da Seca entre os días 9 e 11 de xuño.
O club vermello deu a coñecer o prezo dos abonos e entradas para a competición que reúne os oito mellores equipos da liga, cuxos cuartos de final disputaranse o venres 9 en horario de mañá (10:00 e 12:00 horas) e tarde (18:00 e 20:00 horas), as semifinais o sábado 10 (18:00 e 20:00 horas) e a gran final o domingo 11 de xuño (12:00 horas).
As entradas para a sesión matinal ou de tarde nos cuartos de final custarán 5 euros en cada caso, mesmo prezo que o fixado para a xornada de semifinais e para a final. Pola súa banda os abonos que permitirán gozar de todos os partidos da Copa fixáronse 18 euros.
A venda de entradas e abonos habilitarase o vindeiro luns 5 de xuño no pavillón da Seca.
CAROL, OBXECTIVO CHEGAR Á COPA
Antes de centrarse no ilusionante reto da Copa de España, o Poio Pescamar terá aínda que afrontar a última xornada de liga, o vindeiro sábado (18:00 horas) na Seca ante un Rioja que pelexa por non descender e na que o obxectivo será subir unha posición para terminar a liga regular no quinto posto.
Para a cita estará dispoñible Suki, superados os seus problemas físicos, pero causará baixa a canteirá Carol, que se pon como meta tentar chegar en boas condicións físicas á Copa.
EQUIPO REVELACIÓN PARA OS ADESTRADORES
Por outra banda a Asociación Nacional de Adestradores de Fútbol (ANEFS) sala recoñeceu ao cadro pontevedrés como o equipo revelación da tempada na Primeira División Feminina. Nos premios outorgados polos adestradores, que serán entregados o 2 de xullo en Sevilla, tamén resultou galardoado o ex-técnico do Poio Gonzalo Iglesias 'Morenín' como mellor adestrador nacional no estranxeiro.