Antía Chamosa estrea podio internacional cun ouro por equipos na Copa de Europa de Marcha
Por Redacción
A progresión de Antía Chamosa colocouna como unha das grandes esperanzas do atletismo galego e nacional, unha progesión que parece non ter fin e que se viu referendada coa súa primeira medalla internacional.
A atleta cuntiense, nas filas agora do Atletismo Valladolid, foi parte da histórica medalla de ouro lograda pola Selección Española Junior na Copa de Europa de Marcha en Ruta celebrada na localidade checa de Podebrady, o primeiro ouro que logra España nesta categoría.
Antía foi nonvena na proba de 10 quilómetros, cun tempo 48 minutos e 52 segundos, colaborando decisivamente no primeiro posto xunto ás súas compañeiras de equipo, María Peña (cuarta) e Irene Montejo (sexta). Desta forma España avantaxou en dous puntos a Grecia e en catro a Alemaña, que completaron o podio por equipos.
A gañadora da proba a nivel individual foi a rusa Yana Smerdova (46:39), seguida pola turca Meryem Bekmez (46:48) e a alemá Teresa Zurek (46:51), segunda e terceira respectivamente.
Este ouro é o primeiro podio internacional na carreira de Antía Chamosa, que xa fora convocada con anterioridade pola Selección Española para competicións de alto nivel como os mundiais xuvenil de 2015 e junior de 2016.