O equipo feminino da Gimnástica pelexará polo ascenso a División de Honra
Por Redacción
O obxectivo da Gimnástica na volta do seu equipo feminino á Primeira División era conseguir a permanencia na categoría, e logrouno pola vía rápida a pesar de ser terceiras do seu grupo na segunda xornada de liga celebrada en Burgos.
As pontevedresas non só garanten a súa continuidade en Primeira, senón que gañaron o dereito para pelexar polo ascenso a División de Honra na xornada final polo título.
En Burgos o vencedor foi o gran favorito, o ISS L'Hospitalet (191 puntos), seguido por Image FDR (174,5), Gimnástica (167,5 puntos) e por último CA Torrent (151 puntos).
O equipo pontevedrés sumou na xornada catro triunfos parciais, os de Joselyn Brea (1.500 e 3.000) e Claudia Puig (disco e xavelina), superando a lesión de Marta González na pértega nada máis comezar a competición.
O EQUIPO MASCULINO, Á FINAL POLA PERMANENCIA
Peor lle foron as cousas ao equipo masculino na División de Honra, xa que deberá pelexar na xornada final por evitar o descenso de categoría.
Afrontaban os pontevedreses un enfrontamento moi complicado e víronse relegados á cuarta posición do seu grupo. Primeiro foi as todopoderoso Playas de Castellón (227,5 puntos), mentres nunha rifada pugna Tenerife CajaCanarias foi segundo (158,5 puntos) e Grupoempleo Pamplona terceiro (153 puntos).
A Gimnástica sumou 145 puntos nunha xornada na que só puideron conseguir unha vitoria parcial, a de Carlos Porto nos 1.500 metros.
Con este resultado o equipo masculino da Sociedad pelexará o 10 de xuño por manterse un ano máis na elite do atletismo nacional.
Relacionadas:
-
A Gimnástica logra en Burgos a permanencia na División de Honra de atletismo
Por Redacción |
-
O Galego de Probas Combinadas péchase no CGTD con 10 medallas para a Gimnástica
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Xornada de liga clave para os equipos da Gimnástica
Por Redacción |
-
Lugo comproba o bo nivel da canteira da Gimnástica
Por Redacción |
-
Fría estrea de tempada para a Gimnástica en División de Honra
Por Redacción |
-
Título autonómico para a Gimnástica no Campionato Galego por equipos ao aire libre
Por Redacción |