O xuvenil do Pontevedra, a un paso de asegurar o seu regreso á División de Honra
Por Redacción
A falta de dúas xornadas para o final da competición o Pontevedra Club de Fútbol Xuvenil atópase a un só punto de certificar o seu ascenso á máxima categoría do fútbol nacional xuvenil, a División de Honra.
O equipo adestrado por Óscar Guimeráns, despois dunha notable tempada, é terceiro na clasificación con 61 puntos, só superado por Celta B e Deportivo B, que como filiais non poden ascender de categoría.
Por detrás, Racing Villalbés está con 59 puntos e o Racing de Ferrol con 56, a 5 dos granates cando só restan 6 en xogo e ademais contan co gol average en contra. Por ese motivo ao Pontevedra só lle fai falta un punto nas dúas xornadas que restan.
Tras o seu contundente triunfo (7-0) o pasado sábado en Pasarón ante o Victoria, un rival directo, os granates visitarán o vindeiro domingo 28 (12:00 horas) ao Deportivo B na Cidade do Fútbol de Abegondo, mentres o Ferrol visitará a un equipo que se xoga a súa permanencia na Liga Nacional, o Calasanz.
En caso de non conseguilo na primeira oportunidade, aos de Óscar Guimeráns quedaralles outra bala na recámara, na última xornada na que recibirán na cidade do Lérez ao Racing Villalbés, inmerso tamén na pelexa polo ascenso.