Un triunfo en Toledo permite ao Froiz aliviar as penas da Copa de España
Por Redacción
Non botará de menos o Grupo Deportivo Supermercados Froiz a Copa de España Elite e Sub-23 que chegou ao seu fin. Era un dos obxectivos da tempada, pero desde o principio a sorte foi esquiva ao equipo pontevedrés.
Na última cita da tempada, o Gran Premio Macario celebrado na localidade madrileña de Alcalá de Henares, o Froiz tivo un día para esquecer.
Seis dos sete ciclistas cos que se presentou a escuadra alimenticia non chegaron a liña de meta. Só o fixo o recentemente chegado Hadvin Santi Guzmán, que debutaba na competición e que ocupou o posto 83 a 5'54'' do vencedor, Francisco García (GSport-Valencia). O outro protagonista da proba foi Gonzalo Serrano (Caja Rural), que co seu segundo posto na carreira proclamouse campión da Copa de España por só 5 puntos de distancia sobre Sergio Samitier (Lizarte), que chegaba á cita como líder.
Finalmente na clasificación xeral da Copa o mellor ciclista do Froiz foi Martín Lestido, no posto 27.
Polo menos o equipo pontevedrés aliviou as súas penas cun gran papel no XVIII Trofeo del Ausente celebrado en Los Navalucillos, Toledo, unha carreira de 120 quilómetros na que o bloque dirixido por Evaristo Portela foi o gran protagonista desde a liña de saída, cunha escapada inicial na que se atopaba Ángel de Julián.
Neutralizada a fuga, no quilómetro 50, o Froiz tomou as rendas do pelotón ata que o seu corredor Miguel Gómez lanzou un ataque ao que só responderon outros dous ciclistas. Gómez acabou descolgando aos seus compañeiros de fuga ao mesmo tempo que por detrás chegaba o seu compañeiro Pedro Merino. Ambos chegaron xuntos a liña de meta, sendo o triunfo final para Miguel Gómez. Ademais Merino levou a clasificación da montaña e o Froiz a de equipos nunha xornada redonda para os seus intereses.
A próxima cita para a escuadra alimenticia será ademais outro dos grandes obxectivos da campaña, a Volta a Coruña que se disputa de 19 ao 21 de maio.