Luisito: "Necesitamos o estadio ata a bandeira"
Por Diego Espiño
Sabía o corpo técnico e o persoal do Pontevedra que calquera dos tres posibles rivais no play-off de ascenso ía ser complicado, pero tocou o a priori máis duro por historia e plantel, o Real Murcia. Así o recoñece Luisito, que outorga a bitola de favorito ao cadro murciano pero que non renuncia a nada.
"Nunha liga regular faríanos o mesmo que o Celta B, o Santander e a Cultural, pero a 180 minutos...", explicou o técnico ao termo do primeiro adestramento da semana, celebrado este luns nas instalacións de Príncipe Felipe, porque para Luisito o Real Murcia produce "un enorme respecto pero medo ningún".
Luisito: "Nunha liga regular faríanos o mesmo que o Celta B, o Santander e a Cultural, pero a 180 minutos..."
Ante un plantel feito co único obxectivo do ascenso, o Pontevedra tira de ilusión porque "para nós estar aquí é un premio", recoñece o preparador granate, pero "a partir de aí eu quero pasar chámese Murcia ou como sexa".
A clave para Luisito está en "ser moi fortes mentalmente", pero tamén "tes que defender moi ben" e "raiar tacticamente a perfección", Se o conseguen serán pequenos detalles os que decidan a eliminatoria, empezando polo ambiente que rexistre o Estadio Municipal de Pasarón, xa que "necesitamos o estadio ata a bandeira", pide o técnico.
"Que eles son favoritos sábeno os xogadores meus, seino eu, sábeo todo o mundo, pero hai que demostralo no campo" reiterou ante os medios de comunicación.
CAPI, DESCARTADO
Na primeira sesión de adestramento tras último partido da liga regular en Mieres dous futbolistas traballaron á marxe do grupo e ambos están descartados para o partido do sábado. Trátase de Mario Barco e de Capi, cuxos problemas musculares impediranlle recuperarse a tempo.
O corpo técnico deu descanso ao plantel este martes, polo que o equipo granate regresa o mércores ao traballo nunha sesión que se celebrará a porta pechada no Estadio Municipal de Pasarón.
Relacionadas:
-
Pontevedra nunca se rende
Por Diego Espiño |
-
Froiz reparte 1.000 entradas 'xove' para o Pontevedra-Murcia
Por Redacción |
-
Optimismo granate antes da primeira batalla polo ascenso: "Vamos a lucharlo hasta el final"
Por Diego Espiño |
-
A venda de entradas para o Pontevedra-Murcia, a bo ritmo
Por Redacción |
-
Así é o Real Murcia, un xigante que loita por volver á elite
Por Diego Espiño |
-
Coñece o prezo de entradas e suplementos de socios para o partido ante o Murcia
Por Redacción |
-
Real Murcia, primeiro escollo cara a Segunda División
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Intranscendente derrota do Pontevedra en Mieres (2-1) coa mente posta no play-off
Por Diego Espiño |