O Céltiga descende (por agora) e o Ribadumia festexa a súa permanencia en Terceira
Por Redacción
O Ribadumia festexa a súa permanencia na Terceira División despois dunha última xornada de infarto, na que non só pelexaba co Céltiga na clasificación senón que miraba de esguello o que o Boiro facía na súa loita por permanecer en Segunda B.
Finalmente ao lograr a salvación o Boiro, só un equipo verase afectado polo arrastre que supón o descenso do Somozas desde a categoría de bronce, e esa praza é para o Céltiga.
Os da Illa gañaron con comodidade o seu compromiso no Salvador Otero ante o Castro, con goles de Machu ao cuarto de hora e de Ramón e Hugo no tramo final do encontro. Tocaba esperar un milagre que non chegou, polo que quedan finalmente na décimo sexta posición con 47 puntos.
As súas esperanzas pasan agora porque un dos equipos galegos que xogarán o play-off (Deportivo B, Rápido de Bouzas, Cerceda ou Bergantiños) consigan ascender a Segunda B, o que lles outorgaría a continuidade na categoría.
Consulta aquí a acta do Céltiga-Castro.
Sufriu moito máis o Ribadumia para lograr o obxectivo, e é que os de David Sierra suaron a pinga gorda para vencer ás Pontes (2-1) na Senra.
Changui, de penalti aos 15 minutos, adiantou aos aurinegros, pero As Pontes igualou no 49. Podía chegar o nerviosismo porque o empate condenáballes ao descenso, pero na seguinte acción Anxo conseguía o 2-1.
Ata o final os da Senra tiveron que sufrir para aguantar o resultado que vale a permanencia na categoría ao quedar na décimo quinta praza con 48 puntos, un máis que o Céltiga.
Consulta aquí a acta do Ribadumia-As Pontes.
Escasas eran as opcións do Arosa na última xornada de liga, e aínda que competiron ben os de Jorge Otero ante un rival que defendía a segunda posición, o Rápido de Bouzas (0-0), quedan sen o premio da fase de ascenso.
O cadro arlequinado defendeuse con acerto nun dos campos máis complicados da categoría para pechar a tempada na sexta posición con 64 puntos.
Consulta aquí a acta do Rápido de Bouzas-Arosa.
Un festín deuse o Villalonga para despedir cun sorriso unha positiva tempada en Terceira División. Os celestes esmagaron en San Pedro ao pechacancelas da competición, o Órdenes (6-0).
O duelo foi un monólogo desde o inicio, co gol de Aarón no primeiro minuto de partido. No minuto 10 os locais gañaban xa por tres cos tantos de Adrián Padín e Cerqueiras. Completaron a goleada de novo Aarón antes do descanso e xa no segundo acto Javi Pazos e Cerqueiras, co seu segundo gol da tarde. O Villalonga pecha así a liga no oitavo posto con 59 puntos.