O Campo Lameiro prepara unha completa celebración polo seu histórico ascenso a Preferente
Por Redacción
O ascenso do Campo Lameiro a Preferente, consumado a pasada fin de semana tras o seu triunfo a domicilio ante o Juvenil de Ponteareas, ben merece unha celebración ao grande.
É o que prepara o club, nunha xornada na que quere compartir cos seus afeccionados un logro histórico para a entidade e que contará con varias actos.
O primeiro deles, ás 16:00 horas, será unha recepción oficial ofrecida polo Concello a plantel, corpo técnico e directiva, tras a que a comitiva se desprazará ata o campo da Chanciña para vivir a última xornada de liga.
Será o punto central do día, o encontro entre Campo Lameiro e Gran Peña (18:00 horas) no que o equipo realizará o "paseíllo de honra", explica o club. Unha vez terminado o partido os xogadores celebrarán o ascenso cos afeccionados no propio campo, estando previsto un breve discurso de presidente, adestrador, algún dos xogadores e tamén do alcalde da localidade.
A xornada concluirá para futbolistas, corpo técnico e directiva cunha cea custeada polo Concello.