Capi lesiónase e periga a súa presenza no play-off
Por Diego Espiño
O adestramento do Pontevedra celebrado este xoves no Estadio Municipal de Pasarón deixou unha mala noticia para o equipo granate, a lesión de Capi.
O central retirouse prematuramente da sesión co que, segundo as primeiras exploracións, é unha contractura muscular na parte posterior da coxa, lesión que lle fai ser baixa segura para o choque do próximo domingo (18:00 horas) en Mieres ante o Caudal e convértelle en seria dúbida para o inicio da fase de ascenso.
Tamén Jacobo abandonou antes de tempo o céspede de Pasarón por molestias nun abdutor, aínda que no seu caso a decisión tomouse só por precaución.
LUISITO, OBRIGADO A RECORRER AO EQUIPO XUVENIL
As ausencias coas que contará o equipo na última xornada de liga regular, xa sexa por sanción, lesión ou simplemente por precaución, obrigarán a Luisito recorrer ao equipo xuvenil para completar a convocatoria para viaxar a Mieres.
Non se xogarán nada os granates ante o Caudal, ao contrario que o equipo asturiano que loita pola permanencia na categoría, polo que o técnico non arriscará máis da conta cos xogadores que se atopan ao bordo da suspensión, tendo en conta que no play-off o ciclo de amoestacións empeza de cero.
É o que sucede con Abel Suárez, Añón e Álex Fernández, que aínda que nalgún dos casos poidan viaxar co equipo todo apunta a que non serán da partida. Esta situación únese ás baixas de Mario Barco por lesión e de Bruno Rivada e Miguel Loureiro por sanción, ao cumprir esta xornada ciclo de cartóns. Así as cousas o plantel do Pontevedra queda con só 15 futbolistas do primeiro equipo 'utilizables'.
É un dos motivos polos que o club decidiu adiantar o encontro dos xuvenís ao sábado (18:00 horas). O outro, premiar ao conxunto adestrado por Óscar Guimeráns pola súa gran campaña, que poden culminar co ascenso a División de Honra se gañan ao Victoria nun choque que se disputará no Estadio Municipal de Pasarón, aínda que para logralo esta xornada necesitan que tropece o Racing de Ferrol.
Luisito recorrerá ademais ao xuvenil ante o moito que se xoga o equipo filial na última xornada da Primeira Rexional, a domicilio ante o San Esteban (domingo, 18:00 horas), buscando vencer para despexar calquera tipo incerteza ante os posibles arrastres no descenso.
Con todo, e a pesar de todas estas circunstancias, Luisito non quere que o equipo baixe o pistón e pide intensidade en Mieres para terminar con bo pé a competición regular antes de pensar, con esas boas sensacións e con toda a ilusión, no play-off de ascenso que se aproxima.
Relacionadas:
-
Real Murcia, primeiro escollo cara a Segunda División
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Intranscendente derrota do Pontevedra en Mieres (2-1) coa mente posta no play-off
Por Diego Espiño |
-
Mieres, banco de probas do Pontevedra pensando na fase de ascenso
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Para lembrar as xestas do Pontevedra... 'primeiro hai que vivilas'
Por Redacción |
-
O Pontevedra xa mira cara aos seus posibles rivais no play-off de ascenso
Por Diego Espiño |
-
Billete para o play off. O Pontevedra permítese soñar ao impoñerse a unha "motivada" Arandina (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |