Chega o Open de Natación con Mireia Belmonte, Rafa Muñoz, Bea Gómez... que probas deberías ver?
Por Diego Espiño
Pontevedra prepárase para acoller catro días da mellor natación nacional no Campionato de España Open. Nadadores do talle da dobre medallista en Londres Mireia Belmonte ou os olímpicos Aschwin Wildeboer, Rafael Muñoz, Erika Villaécija, Melanie Costa e Duane da Rocha daranse cita en Ponte Muiños. Xunto a eles, catro nadadoras do Galaico coa tamén olímpica Beatriz Gómez Cortés á cabeza acompañada de Nerea Rodiño, Iria García e Laura Paola Montes.
Rafael Muñoz será o primeiro dos grandes nomes en botarse á auga, farao na primeira proba do xoves (10:00 horas), os 50 metros libres masculinos. En caso de clasificarse nadaría as semifinais e final o mesmo xoves pola tarde. Muñoz disputará ademais os 100 bolboreta o venres (a final sería o sábado), e os 50 bolboreta o domingo.
A grande estrela e atracción do campionato, a catalá Mireia Belmonte, estará presente pola súa banda os catro días de campionato. O xoves poderémola ver nos 200 bolboreta (10:27 horas eliminatorias) e os 800 libres (10:56 horas clasificación), proba na que tamén nadarán Erika Villaécija, Melanie Costa e a grande esperanza local, Beatriz Gómez Cortés, e a súa compañeira de club Iria García. As finais disputarase en horario de tarde. Mireia tamén se inscribiu xunto a Bea Gómez nos 400 estilos o venres.
Todas as finais se nadarán en horario de tarde durante os catro días de competición
O sábado a dobre medallista olímpica comparecerá nos 1500 libres coa presenza de Villaécija e as nadadoras do Galaico Iria García e Laura Paola Montes, mentres o domingo será a quenda dos 400 libres, de novo con Villaécija ademais da presenza de Melanie Costa e a local Iria García, e os 200 estilos con Duane da Rocha e Bea Gómez.
En canto ás nadadoras do Galaico, ademais de Gómez Cortés, que tamén nadará os 200 libres o venres coas internacionais Melanie Costa e Erika Villaécija e os 100 libres o sábado de novo con Melanie Costa, gozará do Open en varias disciplinas Nerea Rodiño, cos 50 libres o xoves (10:04 horas), os 50 costas o venres, proba na que está inscrita a olímpica Duane da Rocha, e os 50 bolboreta o domingo.
Outra das figuras nacionais, Aschwin Wildeboer, botarase á auga o venres nos 50 costas e o sábado nos 100 costas.
Consulta os horarios completos do Campionato de España Absoluto, unha cita na que a entrada para o público será gratuíta.
Relacionadas:
-
Prata e mínima mundialista para Bea Gómez Cortés na primeira xornada do Campionato de España
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Ponte Muiños, epicentro da natación nacional por catro días
Por Diego Espiño |
-
O Club Natación Galaico presenta as súas catro nadadoras que competirán no XIV Campionato de España
Por Redacción |
-
Pontevedra, "pistoletazo de salida" para Río 2016 co Open de España de Natación
Por Alejandro Espiño |