A Illa das Esculturas será escenario dunha carreira benéfica canina
Por Diego Espiño
A Asociación Os Palleiros de Pontevedra e a Protectora de Animais do Morrazo preparan unha dobre xornada benéfico-deportiva na Illa das Esculturas.
Alí celebrarase os días 20 e 21 de maio a carreira popular Pontecan, na súa primeira edición, co obxectivo de recadar fondos para combater o abandono e fomentar a adopción de animais.
"O ano pasado arrincamos cun evento similar no Morrazo", explicou Alfonso Jares, da protectora morracense, e agora dan o salto cara a Pontevedra na que esperan sexa unha fin de semana festiva ao redor das mascotas.
Desta forma as actividades comezarán o sábado 20 de maio cunha exhibición de 'agility' (17:00 horas), unha carreira para nenos ata os 12 anos (18:00 horas), un desfile de cans en adopción (18:30 horas) e outra exhibición de 'ko, defensa e protección, obediencia e rastro' (19:00 horas).
O domingo pola súa banda será quenda da parte máis deportiva, cunha carreira popular "na que se pode participar con ou sen can" coa opción de completar en percorrido de 4 ou de 8 quilómetros (11:00 horas). Ademais organizarase unha camiñada de 4 quilómetros (11:30 horas) e finalizarase a xornada bebidas e petiscos para os participantes.
As inscricións poden formalizarse ata o día 18 de maio na web www.carreirasgalegas.com cun prezo de 2 euros para os nenos e de 5 euros para os adultos (7 e 10 euros respectivamente cunha camiseta conmemorativa).