Formación, deporte e diversión da man do Barro CF
Por Redacción
Coa intención de despedir ao grande a tempada deportiva, o Barro CF organizou nos últimos días unha serie de actividades dirixidas a todas as idades.
Baixo o título "Formación+Deporte+Diversión", o club ofreceu varias charlas sobre xogo limpo ou 'fair play', primeiros auxilios e sobre regulamentación, nunha parte formativa que deixou satisfeita á organización e que espera repetir a próxima campaña.
Ademais durante dúas xornadas disputáronse o III Torneo Internacional Feminino e o II Torneo Solidario para as categorías prebenxamín e benxamín, no que se colaborou coa Asociación GaliciAme e coa Taponeta Solidaria, e contouse coa exposición "Dende Pontevedra a Río" cedida pola Deputación de Pontevedra.
Tras estas xornadas as competicións encaran a súa recta final ata terminar co tradicional Torneo da Festa do Viño que se celebrará a terceira semana de xuño. Antes, o día 10, o Barro CF ten previsto despedir a tempada cunha comida e un partido amigable entre xogadores e ex-xogadores da entidade.