O Arosa necesita unha complicada carambola ao caer co Villalonga. Ribadumia e Céltiga coa auga ao pescozo
Por Redacción
A Lomba esperaba un triunfo do Arosa que lle metese nos postos de play-off e atopouse cunha derrota de penalti no último minuto a mans dun Villalonga que volveu confirmar a súa condición de equipo revelación, deixando aos de Jorge Otero a expensas dunha complicada carambola para conseguir superar na última xornada a Bergantiños e Racing Villalbés, vencendo ademais no Baltasar Pujales a un Bouzas xa clasificado.
Foi un partido de alternativas que comezou cun gol dos de Antonio, aproveitando un erro defensivo que deixou a Josiño só ante Lloves. Pero antes do descanso os arlequinados conseguiron dar a volta ao marcador, primeiro empatando apenas catro minutos máis tarde por medio de Hugo Soto, nun remate de cabeza, e logo no minuto 27 cunha boa xogada individual de Sylla.
Pero tras o descanso o Villalonga saíu moito máis acertado e tras un avisou de Javi Pazos, Rubén Cerqueiras empataba cun disparo axustado ao pau no man a man con Lloves.
Coa tranquilidade de non xogarse nada, o Villalonga estaba moito máis cómodo que os de Jorge Otero, que non conseguían xerar ocasións e mesmo se viron sorprendidos co terceiro gol ao transformar Pablo Mota un penalti que deixaba xeado ao equipo e afección arosista.
Consulta aquí o acta do partido Arosa-Villalonga.
Céltiga-Castro e Ribadumia-As Pontes. Dous partidos fronte a rivais xa descendidos e con vantaxe dun punto para o Ribadumia sobre o Céltiga. Ese é o panorama que se presenta para a última xornada, na que os da Senra tratarán polo menos de deixar aos insulares coa incerteza de esperar que se produza o ascenso dalgún equipo galego de Terceira a Segunda B para eludir o descenso, ademais de confiar en que o Boiro salve a categoría, xa que de non facelo, ambos caerían a Rexional Preferente.
A esta situación chégase despois do triunfo pola mínima do Ribadumia no campo do Castro e a goleada encaixada polo Céltiga na súa visita ao Alondras, que serve aos do Morrazo para poñerse a salvo, ao sacar catro puntos de vantaxe aos branquivermellos e tres ao equipo de Sierra, pero co golaverage parcial a favor do equipo que adestra Nacho.
O Ribadumia soubo abstraerse da presión por non ter marxe de erro, e sumou unha vitoria que pode valer o seu peso en ouro, cun solitario gol conseguido por Changui aos 16 minutos de xogo. Despois o Castro, a pesar de non xogarse nada, tentou ofrecer aos seus afeccionados unha vitoria e empregouse cunha intensidade mesmo excesiva, que lle fixo terminar o partido con nove xogadores, ao ser expulsados con vermella directa Omar (minuto 70) e Vicente (minuto 88).
Consulta aquí o acta do partido Castro-Ribadumia.
A pesar da contundencia do marcador final, o Céltiga non foi rival fácil para un Alondras que sabía tiña nas súas mans a posibilidade de pechar a permanencia. Os do Morrazo marcaron pronto por medio de Diego, pero non sería ata superada a hora de partido cando aseguraron a vitoria cun gol de Mauro.
Con todo perdido, o Céltiga foise arriba, o que permitiu ao Alondras aproveitar os espazos pouco despois grazas a un gol de Andrés, pechando a conta xa en tempo de prolongación Yerai, cando os visitantes xogaban en inferioridade ao ver Marcos a segunda amarela.
Consulta aquí o acta do partido Alondras-Céltiga.
Relacionadas:
-
O Céltiga descende (por agora) e o Ribadumia festexa a súa permanencia en Terceira
Por Redacción |
-
Derrota do Ribadumia que lle deixa ao bordo do abismo mentres respira o Céltiga e gañan Arosa e Villalonga
Por Redacción |
-
As dúas últimas xornadas en Terceira División, en horario unificado
Por Redacción |