Día de festa para o Poio Pescamar, que levanta a súa primeira Copa Xunta (2-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Non podía ser doutra forma, sufrindo ata o final e despois dun partido vibrante, intenso e igualado. Así gañou o Poio Pescamar o que é o primeiro título oficial da súa historia, a Copa Xunta de fútbol sala, ao vencer na final da competición ao Ourense Envialia (2-1).
O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, cun grande ambiente nas bancadas, estalou de alegría co final. Foi a alegría dunha afección vermella que respondeu á a chamada do seu club e que viviu con nervios o paso dos minutos, especialmente tras o gol de Patri Corral a falta de 12 minutos que poñía en vantaxe ás de Marcio Santos.
Non foi un choque con moitas oportunidades, pero desde o inicio ambos os equipos pelexaron cada centímetro de pista. Así, o primeiro disparo a porta do Poio tardou 8 minutos en chegar, cun lanzamento afastado de Charo. Tampouco o Ourense chegaba con claridade, e só un erro de Silvia ao atallar un disparo sen aparente perigo puido convertise no primeiro gol do partido.
Non se desfixo o empate inicial ao descanso, e tras o paso por vestiarios seguiu a igualdade entre dous equipos que se coñecen á perfección da Primeira División Feminina. Deu un paso á fronte na presión o Ourense Envialia, gañando en dominio. Chegou así a súa mellor ocasión, nun balón que desvía Jessy cara á súa propia portería, Silvia salva con problemas e Marta a porta baleira manda o esférico demasiado alto.
Un detalle podía decidir o partido e o título, e ese aspecto foi o balón parado. Avisou Ceci nunha falta afastada, e na seguinte que tivo o Poio Pescamar, desde os 9 metros, Patri Corral abriu a lata cun gran lanzamento a falta de 12 minutos para o final.
Abriuse entón o encontro e puideron ampliar a súa vantaxe as vermellas. Silvia ademais puxo da súa parte para manter a vantaxe do seu equipo salvando un man a man ante Bea Seijas. Empezaba a asumir riscos o cadro ourensán e así, nunha contra levada con rapidez por Jenny polo costado esquerdo chegaría o 2-0, obra de Jessi.
Restaban 4:52 para a conclusión e o Ourense apostou polo xogo de cinco. Puido chegar a sentenza do Poio, pero a pouco máis de 3 minutos Sara Moreno, case sen ángulo, conseguía recortar distancias dando paso a un final de infarto.
A pesar de presionar con cinco xogadoras de campo, non chegou a contar con opcións claras o Ourense para empatar. Si as pontevedresas para pechar o encontro, mesmo cun dobre penalti con só 25 segundo por xogar que malgastou Ceci. Estaba escrito, había que sufrir ata o final para saborear con maior emoción o que é un novo fito para o Poio Pescamar, un club que ano a ano non para de crecer e que se enche de moral para un final de temprada ilusionante, no que asoma a Copa de España no horizonte.
Na final masculina da competición, disputada a continuación, o vencedor foi o Santiago Futsal ao dobregar ao Burela por 4 goles a 1.
Relacionadas:
-
A Copa Galicia de fútbol sala decidirase en Marín
Por Redacción |
-
Os abonos para a Copa de España de fútbol sala custarán 18 euros
Por Diego Espiño |
-
O Poio Pescamar non pasa do empate en Majadahonda (3-3)
Por Redacción |
-
Sprint final do Poio Pescamar cara á cuarta praza
Por Redacción |
-
Oficial: a Copa de España de fútbol sala feminino xogarase en Poio
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Poio Pescamar especialízase en gañar aos grandes e tamén supera ao Alcorcón (1-0)
Por Redacción |
-
Unha ponte festiva para a ilusión no Poio Pescamar
Por Redacción |
-
Sociedad Gimnástica e Poio Pescamar rubrican un convenio de patrocinio coa Deputación
Por Redacción |
-
Badalada do Poio Pescamar que termina coa imbatibilidade do líder Atlético Navalcarnero (1-2)
Por Redacción |