A Liga Galega de Kaiak de Mar desembarca en Cambados
Por Redacción
O peirao de Santo Tomé, en Cambados, acollerá o vindeiro luns 1 de maio a segunda proba da tempada na Liga Galega de Kaiak de Mar.
A competición dará comezo ás 11:00 horas coas categorías senior, xuvenil e veteranos, mentres unha hora e media máis tarde será a quenda das embarcacións cadetes xunto ás modalidades SUP, tradicional e populares.
Inscribíronse 283 deportistas de 23 clubs de toda Galicia. Un total de 230 embarcacións que afrontarán un percorrido de 10 quilómetros desde Santo Tomé ata a ponte da Illa de Arousa, onde virarán para volver a Cambados.
Despois da primeira proba da tempada, a Liga Galega de Kaiak de Mar está encabezada na categoría masculina polo Club de Mar Ría de Aldán (50 puntos), seguido de Piragüismo Cambados (48 puntos) e Piragüismo Olívico (47 puntos), mentres na categoría feminina o líder é o Breogán do Grove (50 puntos), co Piragüismo Olívico e o Ría de Aldán en segunda e terceira posición (47 puntos).