Despois dunha longa e merecida celebración e dous días de descanso para todo o plantel, o Teucro regresa este martes ao traballo para preparar a recta final da competición.
Co ascenso á Liga Asobal no peto, Quique Domínguez quere que o seu equipo ofreza unha boa imaxe nos dous partidos que restan para finalizar a liga regular, o vindeiro sábado na pista do que foi o seu principal rival, o Palma del Río, e ante o Bordils no Pavillón Municipal dos Deportes.
Será nese último encontro, fixado para o sábado 13 de maio ás 19:00 horas en horario unificado, cando o club celebre oficialmente o ascenso cos seus afeccionados.
Son polo menos os plans do club, que planea un fin de festa acorde a unha tempada sobresaliente e que tamén será obxecto dunha recepción oficial no Concello a falta de concretar a data exacta para realizala.
Unha vez concluída a competición será tempo para empezar a planificar a próxima tempada na elite, aínda que a aposta, segundo sinalaron desde o Teucro, será de continuidade tendo en conta que tanto o adestrador, Quique Domínguez, como parte do plantel contan con contrato en vigor.
En todo caso a directiva pontevedresa contará con menos apuros que os de hai dúas tempadas á hora de confeccionar o equipo ao superar os anos máis delicados do plan de pagos establecido no concurso de acredores, xa que as obrigacións de amortización de débeda serán sensiblemente menores. Esta circunstancia permitirá ampliar as opcións á hora de ultimar un plantel que esperan sexa competitiva para lograr a permanencia na máxima categoría, e é que o Teucro volveu ao seu sitio, a Liga Asobal, coa intención de quedar.