O Pontevedra repite promocións para a visita do Coruxo a Pasarón
Por Redacción
A só catro xornadas para o final da competición regular e con dous partidos por diante na casa que poden resultar claves para asegurar o play-off, o Pontevedra é consciente da importancia de que Pasarón achegue o seu gran de area e apoie ao equipo para lograr o obxectivo.
Por iso o Consello de Administración granate decidiu manter as medidas de promoción dos últimos encontros para o choque do próximo domingo (17:00 horas) ante o Coruxo, coa intención de seguir aumentando a asistencia de espectadores.
Desta forma os abonados do Pontevedra poderán retirar unha vez máis unha invitación gratuíta para un acompañante na súa mesma bancada e mercar outra entrada co 50% de desconto. Esta promoción poderase facer efectiva só ata as 19:00 horas do venres nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.
Ademais completarase a acción entregando invitacións nos colexios da zona.
Estas medidas contrastan coa subida de prezos nas entradas para o partido, que se consolidan por segunda xornada consecutiva nos 25 euros en Tribuna, 20 en Preferencia e 15 euros nos fondos. Con todo, se se adquiren en venda anticipada, ata o venres, contarán cun desconto de 5 euros. No caso dos afeccionados en idade xuvenil e infantil, o prezo para ver o partido será o habitual (5 e 3 euros respectivamente).