Pasarón ditará sentenza na loita polo play-off
Por Diego Espiño
O Pontevedra deixou pasar nas Somozas unha oportunidade inmellorable para deixar case sentenciada a súa presenza na fase de ascenso a Segunda División, pero a competición continúa e o plantel céntrase xa no seu próximo obxectivo, vencer ao Coruxo o vindeiro domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
Cunha renda de 5 puntos sobre os seus principais perseguidores, Valladolid B e Ponferradina, os granates aférranse ao seu coliseo para pechar a clasificación para o play-off e cren que se sacan adiante os dous partidos que aínda deben xogar como locais (Coruxo e Arandina) o cuarto posto será seu.
Se iso sucedese, e contando co pleno nas xornadas que restan dalgún dos seus rivais (12 puntos en xogo), só faría falta un punto máis en Boiro ou na última xornada en Mieres.
En todo caso a traxectoria de Ponferradina e Valladolid B non convida a pensar nun pleno de vitorias, tendo en conta ademais que ambos os equipos enfrontaranse na xornada 36.
Os números do Pontevedra en Pasarón avalan estas contas, xa que os de Luisito son un dos mellores equipos como local da liga (41 puntos) tendo perido só en dúas ocasións, algo que contrasta coa súa debilidade a domicilio, e é que lonxe da cidade de Lérez só logrou sumar tres vitorias en toda a tempada (14 puntos en total). Un aspecto o dos desprazamentos no que o equipo deberá mellorar para aumentar as súas opcións nunha posible fase de ascenso, xa que ao só poder optar á cuarta praza xogaría todas as eliminatorias con desvantaxe de campo.