Pontemuíños, centro de atención da natación española por segundo día
Por Redacción & Diego Torrado
Mireia Belmonte parece que lle colleu a medida á piscina olímpica de Pontemuíños. A nadadora catalá, gran estrela do campionato de España de natación que se está celebrando en Pontevedra, logrou este domingo o seu terceiro billete para os Mundiais de Budapest e fíxoo coa mellor marca mundial do ano nos 400 estilos.
Esta foi unha das principais probas da segunda xornada destes campionatos que, un día máis, levaron a centos de persoas ás bancadas do complexo deportivo Rías do Sur.
A nadadora do UCAM Fuensanta, que de novo acaparou case todas as miradas, proclamouse campioa de España cun tempo de 4:35.01 minutos, case catro segundos por baixo da mínima mundialista.
Ata o momento só Mireia Belmonte -que xa logrou a mínima o sábado na 200 bolboreta e nos 800 libres- e Jessica Vall, que logrou praza mundialista na 100 braza con novo récord de España incluído, foron capaces de lograr en Pontevedra o billete para Budapest.
En canto á representación pontevedresa, seis foron os nadadores do Galaico que saltaron á piscina este domingo.
O mellor resultado foi o de Águeda Cons nos 200 metros libres. quedou fóra da final nas series matinais, pero gañou a final B cun tempo de 2:03.80. Na mesma proba, Bea Gómez Cortés -que pola mañá nadou máis rápida que a súa compañeira- xa non competíu pola tarde ao non entrar na final A; e Paula Goyanes quedou eliminada nas series.
Pola súa banda, Clara Otero foi cuarta na final C dos 50 metros costas, tras completar a proba en 00:31.08; Daniel Sánchez foi sexto na final B da categoría masculina desta mesma proba con 00:27.39 segundos e Marc Ciurana non pasou das series nos 400 estilos.
Consulta aquí todos os resultados do Campionato de España Absoluto Open de Primavera de Natación.
Relacionadas:
-
O Galaico fai un balance "más que positivo" do Open de natación e xa pensa en atraer novos campionatos de nivel
Por Diego Espiño |
-
"Objetivo más que cumplido" para Mireia Belmonte, satisfeita dos seus resultados en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un bronce nos 400 libre de Águeda Cons pon o broche ao vibrante Nacional Open de Pontemuiños
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Mínima europea junior para Águeda Cons nun novo festival de Mireia Belmonte
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Mireia Belmonte, estrela absoluta da emocionante primeira xornada do Nacional Open de natación
Por Diego Espiño |
-
Todo listo en Pontemuiños para acoller o "evento estrella de la natación española"
Por Diego Espiño |