O Teucro non cumpre coa súa parte en Alcobendas e o ascenso terá que esperar (32-26)
Por Redacción
Dúas cousas tiñan que pasar para que o Teucro puidese cantar este sábado o alirón e o ascenso de categoría. Non fallar no seu difícil compromiso na cancha do Alcobendas e que Palma del Río non gañase en Zamora, e ningunha destas dúas circunstancias produciuse.
A que dependía dos azuis, a imprescindible, non se cumpriu polo gran partido dun Alcobendas que se xogaba a súa clasificación para o play-off e que foi mellor desde o inicio (32-26), inflixindo unha derrota aos pontevedreses máis de seis meses despois da última tras 23 xornadas invicto.
Máis de seis meses e 23 xornadas estivo sen perder o Teucro en liga
Non foi o día do cadro teucrista, superado nos minutos iniciais polo alto ritmo local que se reflectiu nun parcial inicial de 5-1. De feito o 0-1, cun gol de Carlos García, foi a única vez que os de Quique Domínguez foron por diante no marcador.
Repuxéronse os pontevedreses e mediado o primeiro tempo apertaron o choque (9-7), pero os locais, a cada intento de empatar o encontro, contestaban con bos minutos para volver ampliar a súa vantaxe. Así, chegouse con catro tantos de diferenza ao descanso (20-16).
Tentouno o Teucro na continuación, pero en ningún momento foi capaz de superar a intensidade local e o Alcobendas puido aos poucos ampliar a súa vantaxe para sentenciar o encontro.
Con esta derrota e o triunfo do Palma del Río en Zamora os azuis ven reducida a catro puntos a súa vantaxe á fronte da clasificación da División de Honra Prata. Volverán ter outra pelota de partido, esta vez na casa, ante o Barcelona B na próxima xornada ligueira (22 de abril), pero necesitarán de novo lograr un punto máis que o seu perseguidor para asegurar matematicamente unha praza na máxima categoría.
Relacionadas:
-
O Barcelona B ameaza ao Teucro nunha "gran oportunidad" de deixar sentenciado o ascenso
Por Diego Espiño |
-
O vestiario do Teucro pide axuda para pechar o ascenso: "Imos necesitar o empuxe da nosa afección"
Por Redacción |
-
Descanso para o Teucro antes da fase decisiva
Por Redacción |
-
Pechar o ascenso "cuanto antes", meta do Teucro en Alcobendas no seu primeiro 'match ball'
Por Diego Espiño |
-
O teucrista Borja Méndez, convocado pola Selección Española Junior
Por Redacción |
-
O Teucro complícase e sofre ao final pero dá outro paso de xigante gañando a Alarcos (32-31)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |