Torrelavega enterra as ilusións dun Cisne que cede coa cabeza alta (25-26)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Torrelavega tirou de oficio e experiencia para enterrar as opcións dun digno Cisne e afastarlle de forma practicamente definitiva do play-off. Nun partido igualado e intenso de principio a fin, os cántabros xestionaron mellor as curtas vantaxes nas que sempre se moveu o marcador para lograr dous puntos que case lle garanten loitar polo ascenso.
Era un todo ou nada e saíu cruz para os de Jabato, que loitaron ata o final. Mesmo tiveron balón para empatar o partido con algo máis de dez segundos por diante, pero elixiu a peor opción Andrés Sánchez. O lateral branco precipitouse nun lanzamento sen ter unha posición clara, en lugar de buscar a un compañeiro mellor situado e o gardameta Luís detivo o balón, asegurando o triunfo dos seus, ante a alegría dos escasos afeccionados cántabros, que se deixaron notar apoiando ao seu equipo.
Todo o partido moveuse entre as curtas vantaxes dun e outro equipo. O Cisne dominou na primeira parte, pero a súa máxima vantaxe nunca puido superar os dous goles, a pesar de ter varias opcións para ampliala, e con ela marchouse ao descanso (13-11).
Pero se a defensa funcionara neses primeiros trinta minutos, non o fixo tanto na continuación. Diso aproveitouse Torrelavega para darlle pronto a volta ao marcador e tomar o mando.
Aínda que o Cisne sempre reaccionaba chegando a nivelar o resultado, os visitantes sempre ían un paso ou dous por diante desde o minuto 37. Así se chegou aos últimos 10 minutos, momento en que Torrelavega fixo valer a súa experiencia, pechando ben a súa defensa, non deixando que Chapela recibise con opcións de lanzamento e do 22-22 pasouse ao 23-26, a falta de pouco máis de tres minutos.
O partido parecía sentenciado, pero o Cisne tirou de orgullo ferido e case consegue rabuñar un punto que mereceu. Menduiña subía ao marcador o 25-26, no último minuto. Torrelavega cometía un erro en ataque, perdendo o balón, e Andrés Sánchez xogouna sen acerto e de forma precipitada, no que puido supoñer o empate.
BM CISNE (25): Toño Lafuente; Adrián Menduiña (6, 4 de penalti), Pablo Picallo, Andrés Sánchez (5), Iago Cuadrado, David Chapela (4), Guille Rial (4) -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.); Xosé Canedo, Álex Chan (2), Miguel Simón (1), Javi Vázquez, Carlos Pombo, Pablo Gayoso (3), Pepe Camiña e Alejandro Conde.
BM TORRELAVEGA (26): Luís; Edu (2), Vicente (6), Crespo (6), Maxi (1), Marcos Dorado (3), José Carlos (4, 2 de penalti) -sete inicial-, Pablo (p.s.); Carlos, Pepe, Genio, Mojo (2), Ramiro (1), Antón e Nico (1).
Árbitros: Bernardino Fernández García e Raúl Rodríguez Díaz (Madrid). Excluíron dous minutos a Miguel Simón, Alejandro Conde, Guille Rial, Álex Chan e ao adestrador, Jabato, polo Cisne, e a Marcos Dorado, Maxi, Carlos e José Carlos, polo Torrelavega.
Marcador (cada cinco minutos): 3-3, 5-5, 8-8, 10-8, 11-10, 13-11 (descanso), 15-14, 16-18, 19-19, 21-21, 22-24 e 25-26 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 200 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento da nai do xogador local Pablo Rey.
Relacionadas:
-
O Cisne cumpre o expediente gañando a Zarautz (32-27) e Toño Lafuente anuncia a súa retirada
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Despedida do Cisne ante a súa afección coa visita do Amenabar Zarautz ao CGTD
Por Redacción |
-
A necesidade de BM Nava pode coa desidia visitante do Cisne (32-27)
Por Redacción |
-
Último tren cara ao play-off para o Cisne
Por Redacción |
-
O Cisne supera na segunda parte o Tolosa e a si mesmo (29-37) para manter as súas opcións
Por Redacción |
-
Gañar a domicilio, requisito indispensable para un Cisne que quere seguir aspirando a todo
Por Redacción |
-
Apurado triunfo do Cisne sobre BMC Carabanchel (25-23) para manterse na loita polo play-off
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |