Cambio por sorpresa no banco do Marcón Atlético
Por Diego Espiño
Luís Oliveira deixou de ser o adestrador do Marcón Atlético cando só restan cinco xornadas para o final da competición na Primeira Rexional.
A substitución no banco xestouse este xoves a última hora nunha reunión entre a directiva do club e o corpo técnico, na que segundo o presidente do Marcón, Carlos Sánchez, "presentaron su dimisión por motivos personales".
O equipo pontevedrés, tras dous empates consecutivos, caeu á cuarta praza a un punto do liderado, nunha pelexa sen cuartel polo ascenso de categoría. Ademais o pasado martes foi eliminado na Copa Deputación ao perder ante o Juventud Cambados (2-5).
Polo momento Amador Cabaleiro farase cargo do banco do Marcón de maneira interina, polo menos no choque deste domingo (17:00 horas) ante o San Miguel no Carrasco.
"Es un momento un poco delicado pero yo confío en Amador y en los jugadores", sinalou Sánchez, para quen "la plantilla está a muerte para seguir adelante" e conseguir retornar a Preferente.
Aínda que "en principio vamos a tirar de Amador", a directiva non descarta pechar a incorporación dun novo técnico se xorde a posibilidade antes do final de tempada.