Todo listo en Pontemuiños para acoller o "evento estrella de la natación española"
Por Diego Espiño
Pontevedra converterase durante catro días, desde este sábado 8 de abril e ata o martes 11, no centro da natación nacional coa disputa do XVIII Campionato de España Open de Primavera, ou o que é o mesmo, o "evento estrella de la natación española".
Así o definiron na presentación do campionato tanto o presidente do Natación Galaico, José Miguel Cano, como organizador principal do evento, como o presidente da Federación Española de Natación, Fernando Carpena.
Na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños estarán as principais figuras nacionais deste deporte, coa campioa olímpica Mireia Belmonte á cabeza, non en balde a cita é clasificatoria para o Campionato do Mundo de Budapest.
Deportistas como a propia Mireia, Duane da Rocha ou Marc Sánchez buscarán a mínima para o Mundial, do mesmo xeito que as locais Bea Gómez Cortés ou Águeda Cons, que o propio Fernando Carpena recoñece chega "en plenitud" tras brillar no Nacional Junior en Xixón logrando o billete para o Campionato do Mundo desta categoría.
Non estará con todo outra das grandes estrelas da piscina en España, Melani Costa, baixa de última hora por un problema médico.
"Para nosotros es un privilegio y un orgullo organizar un evento de esta magnitud" con 108 clubs representados e 349 nadadores inscritos, recoñeceu José Miguel Cano, quen ademais lanzou o ofrecemento para seguir acollendo eventos de nivel na cidade de Lérez, luva que recolleu o presidente da Federación Española asegurando que "no me cabe la menor duda de que el próximo año haremos otra cosa en Pontevedra".
O Campionato de España desenvolverase en catro xornadas de competición, divididas todas elas nas matinais clasificatorias (desde as 9:30 horas da mañá) e as finais (desde as 17:00 horas) con entrada de balde para o público.
OITO NADADORES COMPOÑEN O EQUIPO DO GALAICO
Especial será a cita para os oito nadadores que compoñen o equipo do club anfitrión, o Natación Galaico, liderado por unha Bea Gómez Cortés que quere confirmar a súa recuperación logrando algunha mínima mundialista, aínda que só participará en dúas probas, os 200 estilos e os 200 libre.
Máis completo será o programa que afronte Águeda Cons nadando os 200, 400, 800 e 1.500 libre, mesmas probas que nadará Paula Goyanes.
Completan o equipo do Galaico: Lara Gómez Cortés (400, 800 e 1.500 libre), Clara Otero (50 costas, 100 costas e 200 libre), Marc Ciurana (200 estilos, 400 estilos e 200 braza), Cristian Fernández (1.500 libre) e Daniel Sánchez (50 e 100 costas).
Relacionadas:
-
Un bronce nos 400 libre de Águeda Cons pon o broche ao vibrante Nacional Open de Pontemuiños
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Mínima europea junior para Águeda Cons nun novo festival de Mireia Belmonte
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontemuíños, centro de atención da natación española por segundo día
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Mireia Belmonte, estrela absoluta da emocionante primeira xornada do Nacional Open de natación
Por Diego Espiño |
-
Águeda Cons pecha o Campionato de España Junior coa súa segunda mínima mundialista
Por Diego Espiño |
-
Ouro, mínima europea e mundialista para Águeda Cons no Nacional Junior
Por Redacción |
-
Reforzo moral para Bea Gómez cunha medalla de prata en Marsella
Por Redacción |
-
Conceden a Pontevedra a organización o Campionato de España Open Absoluto de Primavera de natación
Por Diego Espiño |