Desde Cerdedo ata o Nacional de Resistencia e a Renault Clío Cup
Por Redacción
O circuíto valenciano de Cheste será punto de partida dunha nova tempada deportiva de Juan Campos, piloto de Cerdedo-Cotobade.
Campos ten previsto participar esta campaña no Campionato de España de Resistencia e na Challenge Renault Clío Cup coa Escuadra Cerdedoenrali.
A primeira das probas, en Cheste, corresponde ás primeiras destas competicións, que pasarán tamén por outros circuítos nacionais como o Xarama, Aragón, Navarra e Montmeló.
O piloto pontevedrés estreará coche, un Renault Clío III CUP de 210 cv de potencia, 1.000 quilos de peso e unha caixa de cambios secuencial de 6 marchas de última xeración que lle servirá tamén para competir na Clío Cup que comezará en maio en Xerez e pasará por Navarra, Xarama, Cheste e Montmeló.
"Trátase dun coche novo para nós co que buscamos pelexar nos postos de cabeza, como en tempadas anteriores. O gran problema co que nos enfrontamos este ano é a escasa pretempada realizada co vehículo xa que foron poucos os quilómetros que puidemos adestrar debido á falta de circuítos na nosa comunidade", recoñeceu Juan Campos na presentación da súa nova tempada, á que acudiu José Balseiros como representación do Concello de Cerdedo-Cotobade.