O Open Galicia de BTT volve a Poio catro anos despois
Por Diego Espiño
Despois da satisfactoria experiencia acollendo o Campionato Galego en 2016, Samieira prepárase para recibir catro anos despois unha proba do Open Galicia de Cros Country Olímpico.
O IX BTT Concello de Poio do próximo sábado 8 de abril será a segunda proba puntuable do Open, no que participan os mellores espcialistas galegos da disciplina.
A previsión é contar con preto de 150 ciclistas nas categorías cadete, junior, sub-23, elite e master masculina e feminina.
Ás 16:30 horas será a quenda de cadetes, junior e master, mentres ás 18:00 horas darase a saída á competición elite e sub-23 desde a Casa do Pobo de Samieira, na parte alta do campo de fútbol, que será punto de saída e final da carreira. Desde alí os participantes afrontarán un circuíto de "moi valorado polos bikers galegos, moi técnico", recoñeceu o presidente do Club Ciclismo Tríatlon Poio, Carlos Sánchez, na presentación do evento xunto á concelleira de Deportes, Marga Caldas.
O circuíto conta con 7 quilómetros de percorrido, tendo que completar na primeira carreira tres voltas ao mesmo e na proba absoluta cinco, ata facer a cifra de 35 quilómetros en total.
As inscricións, só para deportistas federados, poden formalizarse ata o xoves día 6 de abril na web da Federación Galega de Ciclismo.