Unha Ruta BTT Cidade de Pontevedra "para todos los públicos"
Por Diego Espiño
Na súa cuarta edición, a Ruta BTT Cidade de Pontevedra organizada polo Club Ciclista Farto contará cun novo percorrido fiel á súa filosofía, "para todos los públicos", recoñeceu na presentación do evento Abel Farto.
"De lo que se trata es que todo el mundo pueda asistir", recalcou sobre unha proba que se celebrará o vindeiro domingo 2 de abril desde as 9:30 horas esperando a presenza de preto de medio milleiro de ciclistas afeccionados, entre os que poderán estar deportistas menores de idade sempre que presenten autorización paterna.
Serán 35 quilómetros de ruta de dificultade media con saída e chegada na Avenida Montero Ríos para saír da cidade pola Avenida de Vigo, transcorrer paralelos á autoestrada ata Figueirido e ascender "por el monte entre Figueirido y Salcedo" antes de volver á cidade, onde a chegada, avisan, será con tráfico aberto en canto se entre de novo no centro urbano por Campolongo, polo que "hay que respetar la circulación", explicou Víctor Loira.
A inscrición manterase aberta ata o venres 31 de marzo a un prezo de 10 euros a través da web www.cronocheck.com ou na tenda Bicicletas Farto. Desa cantidade, un euro irá destinado á Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII) de Pontevedra.
Pola súa banda a recollida de dorsais poderase realizar o 1 de abril durante toda a xornada na propia tenda, situada na Avenida de Vigo, ou o mesmo día da carreira nas inmediacións da saída desde as 8:30 horas.