Triunfo vital do Leis masculino para escapar da última praza e derrota do equipo feminino
Por Redacción
Necesitaba o Leis Pontevedra unha vitoria para reforzar as súas opcións de permanencia na Segunda División B de fútbol sala, e conseguiuno no partido ante O Esteo disputado no pavillón de Monte Carrasco (5-1).
O encontro comezou igualado e con poucas ocasións, ata que o minuto 11 Berto aproveitou unha falta afastada para, cun duro disparo, facer o 1-0. Tras o gol o propio Berto tivo a oportunidade de facer o segundo pero atopouse coa madeira, unha ocasión que fixo reaccionar a O Esteo que no minuto 15 conseguía a igualada.
A tensión era máxima, e entrouse nunha fase de intercambios, co descanso polo medio, ata que o minuto 29 unha gran xogada de Carlos acaba no 2-1. Envorcáronse os visitantes na busca do empate, pero á contra os de Manu Cossío volveron golpear por medio de Nico.
A pesar de que o Leis colocouse con 5 faltas e concedeu un dobre penalti, O Esteo non conseguiu recortar distancias, e cando apostou polo xogo de cinco os pontevedreses sentenciaron con dous novos tantos para certificar un importante triunfo, que permite ao equipo escapar da última praza e colocarse na duodécima posición con 13 puntos.
DERROTAS DE LEIS FEMININO E CIDADE DE PONTEVEDRA
Non lle foron tan ben as cousas ao Leis Pontevedra na Segunda División Feminina, ao verse superado polo potente Valdetires de Ferrol (0-4).
A pesar do claro do resultado, o conxunto ferrolán non foi capaz de impoñerse ata os últimos 10 minutos de partido. Ata ese momento, a pesar do seu dominio, atopáronse cun bo labor defensivo das pontevedresas, que tras o 0-1 no miuto 18 seguiron pelexando e lanzáronse a por o empate, momento no que as visitantes aproveitaron a súa maior frescura para sentenciar.
A derrota deixa ao Leis na penúltima posición do Grupo IV con 17 puntos.
Peor lle van as cousas o Cidade de Pontevedra no Grupo I, superado na táboa e na cancha por un rival directo pola permanencia, o Rede Stars (0-2). Unha derrota que fai caer ás pontevedresas á última posición.