Vitoria do Sanxenxo para romper a súa serie negativa e derrotas de Portonovo e Unión Grove
Por Redacción
Necesitaba un bo resultado o Xuventú Sanxenxo para deixar atrás tres derrotas consecutivas, e conseguiuno ante un rival da zona alta como o Moaña (2-0).
Os amarelos realizaron un bo partido en Baltar de Arriba e superaron ao seu rival desde a primeira metade.
Javi Nogueira adiantou ao cadro local pasada a media hora e Héctor, pouco despois do descanso, facía o segundo para frear o intento de reacción do Moaña.
Co triunfo o Xuventú Sanxenxo colócase na décimo terceira posición con 40 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Moaña.
Coa mesma puntuación, pero na décima praza, está o Unión Grove, que encaixou a súa terceira derrota consecutiva ao caer a domicilio ante o Valladares (1-0).
Un gol de Tomás Vila aos 48 minutos resultou suficiente ao equipo local pese ao empuxe do cadro meco, que buscou con insistencia o empate.
Consulta a acta do Valladares-Unión Grove.
En problemas segue o Portonovo, que tras ser goleado na casa do Porriño Industrial (4-0) cae a postos de descenso a Primeira Rexional.
Os arlequinados víronse claramente superados polo seu rival, que demostrou unha gran pegada en ataque. Aos 12 minutos adiantáronse, e cando o Portonovo facía méritos para igualar chegou o 2-0 antes do intermedio de penalti.
No segundo acto o Porriño sentenciou cun terceiro tanto no 55 e outro nos minutos finais, deixando aos arlequinados nunha situación delicada, xa que se colocan na décimo oitava praza con 29 puntos.