Duro revés para Arosa e Ribadumia, respiran Villalonga, gañando nas Pontes, e Céltiga, que frea ao Cerceda
Por Redacción
Grave tropezo do Arosa, que caeu goleado de forma contundente en San Lázaro por un Compostela que se reengancha á loita polos postos de play-off, á vez que os de Jorge Otero perden a ocasión de deixar atrás a un rival directo, ao mesmo tempo que se axustan os primeiros postos nos que unicamente o Deportivo B parace ter praza asegurada para loitar polo ascenso.
O Compostela volveu facer de San Lázaro un fortín, con goles de Santi Gegunde, Mon, Diego Rey e Make, para un 4-0 que poucos podían pensar dada a teórica igualdade de forzas entre ambos os equipos.
Santi Gegunde abría o marcador aos 13 minutos e Mon, cun disparo á escuadra, poñía o 2-0 pouco antes do descanso.
Non reaccionou o Arosa na segunda parte, encaixando o terceiro gol aos poucos minutos da continuación, por medio de Diego Rey aproveitando un centro de Recoba.
Os arlequinados baixaron os brazos e o Compostela puido mesmo ampliar a conta, cousa que fixo na recta final, cun gol de Make.
Consulta aquí o acta do partido Compostela-Arosa.
Terceira derrota consecutiva dun Ribadumia que se mete en serios problemas ao caer fronte a un rival directo pola permanencia como o Negreira. A temperá expulsión de Manu Táboas, aos cinco minutos, marcou o desenvolvemento do partido, a pesar de que os de Sierra loitaron ata o final para levantar un partido que se lles puxo costa arriba desde o comezo.
O Negreira adiantábase ao transformar Esteban Capelo un penalti que custou a expulsión do porteiro local. Jacobo Tato ampliaba a conta antes da media hora de partido, pero David Rodriguez devolvía a esperanza ás bancadas da Senra recortando distancias pouco despois.
Na segunda parte Stefan faría o 1-3, pero acto seguido Adrián Camiño volvía meter ao Ribadumia no partido, ata que Piki sentenciaba o marcador en favor dos coruñeses, a falta de dez minutos.
Consulta aquí o acta do Ribadumia-Negreira.
Non deixou pasar a oportunidade o Villalonga de sumar tres importantes puntos na súa visita a O Poboado, onde lle esperaba un As Pontes case descendido. Os de Antonio abriron pronto o marcador, cun gol de Adrián Padín, pero logo tiveron que sufrir ao ver como os locais empataban antes do descanso por medio de Rubén Pardo.
Tería que ser na segunda parte cando os celestes impuxésense. Rubén Cerqueiras adiantaba de novo ao Villalonga e Javi Pazos pechaba o resultado co terceiro gol que permite aos de Antonio tomar aire nesa apertada loita pola permanencia.
Consulta aquí o acta do As Pontes-Villalonga.
Excelente punto o conseguido polo Céltiga fronte a un dos favoritos ao ascenso como o Cerceda, que saíu do Salvador Otero coa sensación de non poder superar ao conxunto da Illa, dominador durante gran parte do partido.
Os coruñeses non foron capaces de inquietar á ordenada defensa local, vendo como a súa aposta polo fútbol directo estrelábase ante a sóliza zaga insular, mentres o Céltiga acariñaba o triunfo tras adiantarse no marcador, e encaixando o empate na recta final nun dos escasos erros defensivos que cometeu.
Unha falta lateral botada por Pablo Berros e rematada por Javi acabou case de rebote con Machu mandando o balón dentro da portería visitante, dunha forma pouco académica pero efectiva, aos 18 minutos de partido.
O gol deu confianzas a un Céltiga que non concedeu ocasións de perigo na súa área na primeira parte, e mesmo puido facer o segundo nunha xogada na que Pablo Berros caeu na área coruñesa, reclamando un penalti que o árbitro non concedeu.
Tras o descanso o Cerceda dominou, pero a súa aposta centrouse en buscar un fútbol directo, e segundas xogadas case sempre ben defendidas pola defensa local, ata que aos 82 minutos chegaba o empate nun descoido da zaga, que deixou só a un Abelenda que minutos antes fora atendido na banda cun golpe no ombreiro. Un centro lateral desde a banda esquerda acabou cun bo remate de cabeza do dianteiro visitante, que supuxo o empate, que xa sería inamovible nos minutos que restaban.
Consulta aquí o acta do partido Céltiga-Cerceda.
Relacionadas:
-
Un só disparo a porta basta ao Racing Villalbés para deixar ao Ribadumia coa auga ao pescozo (0-1)
Por Ramiro Espiño |
-
Sorpresa do Villalonga en San Lázaro e valiosos empates de Arosa, Céltiga e Ribadumia
Por Redacción |
-
Salva a cara o Villalonga nunha xornada negra para Arosa, Ribadumia e Céltiga
Por Redacción |
-
Cómodo triunfo do Arosa, golea o Villalonga, gaña o Céltiga unha final en Redondela e cae o Ribadumia
Por Redacción |
-
O partido entre Marcón e Arosa, duelo estrela na primeira rolda da Copa Deputación
Por Redacción |
-
O Arosa métese na "pomada", valioso empate do Céltiga e derrotas de Ribadumia e Villalonga
Por Redacción |
-
De penalti gaña o Céltiga ao Villalonga, Ribadumia puntúa en Bouzas e o Arosa gaña no último minuto
Por Redacción |