Último cartucho para o Club Baloncesto Arxil
Por Redacción
A derrota da pasada fin de semana en Barcelona deixou ao Arxil cun pé fóra da fase de ascenso, pero o conxunto pontevedrés quere apurar ata o final as súas opcións.
A falta de catro xornadas para o final da competición regular na Liga Feminina 2 as verdes son sextas a dúas vitorias do Joventut Les Corts.
É por iso que as de Mayte Méndez non poden permitirse máis erros se pretenden manter viva a esperanza, empezando pola visita ao pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (sábado, 19:30 horas) do Añares Rioja, undécimo clasificado.
O equipo rioxano chega á cita coa necesidade de lograr un triunfo que lle asegure matematicamente a permanencia na categoría.
Varias xogadoras do Arxil arrastran molestias físicas, pero Mayte Méndez espera poder contar con todo o plantel dispoñible para o partido.