Davor Cutura aposta de novo por Pontevedra para o seu campus de balonmán
Por Redacción
Pontevedra será sede un ano máis do campus de balonmán organizado por Davor Cutura, que chega á súa sétima edición.
O xogador serbio, actualmente nas filas do Limoges francés, anunciou a organización dunha nova edición do seu campus, que terá lugar entre o 8 e o 16 de xullo.
Serán nove xornadas de adestramento para xogadores de base cunha parte técnica, con traballo específico por postos, e unha parte táctica, completado todo iso con actividades extradeportivas.
Ademais de monitores de nivel como Álvaro Senovilla o campus recibirá a visita de xogadores profesionais de relevancia internacional como Rodrigo Corrales, Pedro Rodríguez, Juan Andreu ou Borja Fernández, que xa estiveron en Pontevedra en pasadas edicións.
A inscrición para o VII Campus Davor Cutura terá un custo de 350 euros por neno, aínda que se habilitarán descontos para irmáns ou para catro ou máis xogadores do mesmo club e categoría.