O Pontevedra recorre a expulsión de Miguel Loureiro e a amoestación de Bonilla en Pamplona
Por Diego Espiño
Non está conforme o Pontevedra coa expulsión que sufriu Miguel Loureiro ante o Osasuna B, e que condicionou o encontro ao obrigar a xogar aos granates durante máis de 70 minutos en inferioridade numérica.
O club confirmou este luns a presentación dun recurso ante o Xuíz Único de Competición, coa intención de que o lateral poida estar dispoñible para o choque do próximo domingo (17:00 horas) en Pasarón ante o Tudelano.
O colexiado do encontro ensinou a Miguel o cartón vermello directo no minuto 16 do encontro en Tajonar por "suxeitar a un rival dentro da área, derrubándoo, abortando coa súa acción unha manifesta e clara ocasión de obter un tanto por parte do equipo contrario", segundo explicou no acta arbitral.
Ademais, o Pontevedra presentou recurso tamén pola amoestación que viu Javier Bonilla por, segundo o árbitro, "simular ser obxecto de infracción". O cartón coloca ao lateral no segundo ciclo de suspensión por acumulación.
PROMOCIÓNS PARA AUMENTAR A ASISTENCIA A PASARÓN
Non só no plano deportivo está a traballar estes días o Pontevedra, que anunciou unha serie de medidas para a primeira das catro 'finais' por manter a cuarta praza que afrontará ata o final de liga en Pasarón.
Durante a semana, ata o vindeiro venres día 24, os abonados poderán retirar nas oficinas do estadio unha invitación para un acompañante válida para o choque ante o Tudelano. Ademais poderán adquirir unha entrada máis para un adulto cun 50% de desconto.
As accións promocionais complétanse coa visita de xogadores do primeiro plantel aos centros educativos da cidade, nos que repartirán invitacións para o partido.
Relacionadas:
-
A fe e a ambición dá a remontada ao Pontevedra sobre o Tudelano, con gol de Bruno no desconto (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A solidez do Tudelano a domicilio, seria ameaza para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Competición desestima os recursos por Miguel e Bonilla, que serán baixa ante o Tudelano
Por Diego Espiño |
-
A temperá expulsión de Miguel lastra a un bo Pontevedra que merece máis ante Osasuna B (2-1)
Por Redacción |
-
Mario Barco, aliviado tras descartarse unha lesión muscular de importancia
Por Diego Espiño |