Cómodo triunfo do Arosa, golea o Villalonga, gaña o Céltiga unha final en Redondela e cae o Ribadumia
Por Redacción
Chegaba o Dubra ao campo da Lomba tras encaixar dez derrotas consecutivas e practicamente descendido. O Arosa non deixou pasar a oportunidade de darse un festín, gañando e goleando para aproveitar a picada do Racing Villalbés en Barbadás e abrir un pequeno oco de tres puntos co quinto clasificado.
Eloy sería o encargado de abrir o marcador, cando aínda non se cumpriu o cuarto de hora de partido e Pablo Rivas facía o segundo antes do descanso.
Na segunda parte o Arousa mantivo o seu dominio e foi ampliando a conta para sentenciar en tres minutos con dous novos goles, un de Gonzalo Suárez e o cuarto obra de Sylla.
Adrián Vázquez, xa no desconto, faría o gol da honra para o Dubra.
Consulta aquí o acta do Arosa-Dubra.
Partido clave para o Villalonga, que recibía en San Pedro a visita dun Castro que marca os postos de descenso. Os de Antonio viñan de catro derrotas consecutivas, polo que un novo tropezo podería facerlles pasar de ser unha das revelacións para sentir moi de preto a presión da permanencia, co propio Castro a só catro puntos.
Conscientes do que se xogaban, os celestes saíron en tromba, dispostos a resolver pola vía rápida e conseguírono de forma contundente. En tan só cinco minutos o marcador xa reflectía un claro 2-0, grazas aos goles de Bisti e Javi Pazos, que serviron para levar a tranquilidade ao campo e á bancada.
O Villalonga seguiu mandando e redondeou a goleada superada a hora de xogo con dous novos goles en pouco máis de cinco minutos de Javi Pazos, que desta forma asinaba un hat-trick aparecendo cando máis o necesitaba o seu equipo.
Os visitantes maquillaron o resultado ao transformar Xaime un penalti a catro minutos do final, para pechar o contundente 4-1 que devolve ao Villalonga ao bo camiño.
Consulta aquí o acta do Villalonga-Castro.
Vitoria de valor dobre para o Céltiga, que se impuxo ao Choco a domicilio, afastando así a un rival directo e tomando distancia cos postos de descenso nesta competida e emocionante terceira división.
En Santa Mariña enfrontábanse dous rivais directos e o partido levouno quen soubo manexar mellor os nervios e a presión pola importancia dos puntos en disputa. Ese foi o Céltiga, que gañou grazas a un gol de Jonatan, no minuto 58, que ademais sirve aos da Illa para anotarse o golaverage parcial sobre os redondelanos.
Consulta aquí o acta do partido Choco-Céltiga.
Aguantou o Ribadumia ao Cerceda na primeira parte, pero caeu goleado na segunda no Roxo, onde o protagonista foi o dianteiro branquivermello Uxío, autor dos tres goles do partido.
Os de José Luis Lemos necesitaban gañar e dominaron con autoridade, aínda que lles custou superar a ordenada defensa visitante, tanto que ao descanso o marcador seguía sen movemento.
Pero na segunda parte Uxío abría o marcador aos 58 minutos, para facer o segundo dez minutos máis tarde.
Obrigado a abrirse para tentar recortar, o Ribadumia deixou máis espazos, que aproveitou unha vez máis Uxío, a falta de sete minutos, para sentenciar o 3-0 definitivo.
Consulta aquí o acta do partido Cerceda-Ribadumia.
Relacionadas:
-
Sorpresa do Villalonga en San Lázaro e valiosos empates de Arosa, Céltiga e Ribadumia
Por Redacción |
-
Salva a cara o Villalonga nunha xornada negra para Arosa, Ribadumia e Céltiga
Por Redacción |
-
Duro revés para Arosa e Ribadumia, respiran Villalonga, gañando nas Pontes, e Céltiga, que frea ao Cerceda
Por Redacción |
-
O partido entre Marcón e Arosa, duelo estrela na primeira rolda da Copa Deputación
Por Redacción |
-
O Arosa métese na "pomada", valioso empate do Céltiga e derrotas de Ribadumia e Villalonga
Por Redacción |
-
De penalti gaña o Céltiga ao Villalonga, Ribadumia puntúa en Bouzas e o Arosa gaña no último minuto
Por Redacción |
-
Tropeza o Arosa que perde a Monroy con fractura de clavícula e o Céltiga aproveita a visita do pechacancelas
Por Redacción |