Puntos de ouro para o Poio Pescamar que remonta ao Jimbee Roldán (1-3)
Por Redacción
Remontada na recta final do partido para un Poio Pescamar que se enfrontaba na localidade murciana de Torre Pacheco a un rival directo como o Jimbee Roldán, ao que agora supera na clasificación, accedendo ao sexto posto con dous puntos de vantaxe sobre o equipo murciano, ao que tamén gaña o golaverage parcial, tras empatar ambos na primeira volta na Seca.
As mozas de Marcio Santos presentan as súas credenciais para lograr a clasificación para a Copa de España, nun partido ao que as "rojillas" chegaban despois de dúas derrotas e coas importantes baixas de Jessi Lores, tras a intervención cirúrxica a que foi sometida, xunto coa inesperada de última hora da súa capitá Charo, lesionada nun dos últimos adestramentos da semana.
Igualdade nos comezos do partido, coas locais tentando marcar o ritmo e un Poio Pescamar máis vertical, que buscaba en Ceci a súa opción ofensiva.
Poucas ocasións ata mediado o primeiro tempo, salvo un remate desde fóra da área de Ale de Paz para as galegas que se marchaba fóra por pouco.
A resposta local chegaba por medio de Mariángeles, que dende á frontal da área disparaba ao lateral da rede.
Ao regreso de vestiarios Jimbee Roldán intensificou o seu dominio, adquirindo maior ritmo o partido. Así, tras dúas ocasións seguidas de Consuelo, superado o ecuador do acto final as murcianas adiantábanse ao transformar Mirian un penalti cometido por Jessy sobre Andrea.
Pero, lonxe de vir abaixo, o Poio reaccionou con forza e apenas un minuto máis tarde conseguía empatar, ao aproveitar Ale de Paz un erro no despexe tras un saque de banda.
A punto estivo Ceci de facer o segundo cun remate de tacón, pero sería de novo Ale de Paz quen marcaría, culminando a remontada cun disparo cruzado, tras unha boa combinación ofensiva con Jenny.
Con catro minutos por diante o Jimbee optaba polo xogo de cinco con Mayte Mateo, pero o Poio Pescamar pechouse ben e mesmo sentenciou co terceiro a escasos segundos do final, cun gol de Ceci desde cancha propia a porta baleira.
JIMBEE ROLDÁN FSF (1): Andrea; Mariángeles, Mayte Mateo, Consuelo e Mirian (quinteto inicial). Tamén xogaron, Vanessa, Juani, Inma Sojo, Alba e Andrea.
POIO PESCAMAR (3): Silvia; Ceci, Patri, Jenny Lores e Ale de Paz (quinteto inicial). Tamén xogaron, Jessy, Carolina e Sara Crespo.
Árbitros: Pedro Fortes e Álex Martínez (Murcia). Amoestaron a Vanessa, no Jimbee Roldán, e a Jenny e Patri, no Poio Pescamar.
Goles: (1-0) Minuto 31: Mirian, de penalti. (1-1) Minuto 32: Ale de Paz. (1-2) Minuto 36: Ale de Paz. (1-3) Minuto 40: Ceci.
Incidencias: Pavillón Municipal Gabriel Pérez (Torre Pacheco). Uns 350 espectadores.
Relacionadas:
-
A copa máis preto para o Poio Pescamar ao impoñerse a Cidade das Burgas (4-2)
Por Redacción |
-
Poio Pescamar golea un rival directo como Gironella (5-1) e apunta á copa
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar viaxa a Murcia coa sexta praza en xogo
Por Redacción |
-
Ao Poio Pescamar sobráronlle cinco minutos ante o Universidad de Alicante (2-4)
Por Redacción |
-
Ceci, protagonista indiscutible na volta da Selección Galega de fútbol sala
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar cae en Móstoles cun gol no último suspiro (3-2)
Por Redacción |
-
Malas noticias para o Poio Pescamar, que perde a Jessi Lores para o que resta de tempada
Por Redacción |