Sen marxe de erro para o Arxil en Barcelona
Por Redacción
Só faltan catro xornadas para que conclúa a competición regular na Liga Feminina 2 e cada erro pode ser definitivo. Sábeo ben un Club Baloncesto Arxil que non pode fallar se quere seguir aspirando á cuarta praza que dá dereito a xogar o play-off de ascenso.
As verdes están a unha vitoria de distancia Joventut Lles Corts cando afrontan este domingo (13:00 horas) unha saída complicada, precisamente a Barcelona, á cancha do Segle XXI.
O conxunto catalán conta cun equipo novo e talentoso, e coa permanencia xa asegurada xogan sen presión, o que segundo o equipo pontevedrés fainas máis perigosas.
O Arxil chega á cita coa moral polo alto tras o seu triunfo da pasada xornada ante o líder, pero despois dunha semana de adestramentos na que os problemas físicos limitaron a preparación. Foi o caso de Ana Román, Ana Martín ou María Lago pero "estoy seguro de que todas van a dar el 100%", recoñece Lino Vázquez.
A expedición pontevedresa desprazarase a Cataluña o mesmo día do partido en avión grazas ao cambio de horario pactado co Segle XXI, evitando así un desprazamento longo e pesado para as deportistas.