A Federación Española fíxase nunha nova promesa do tríatlon pontevedrés
Por Redacción
A Federación Española de Tríatlon puxo os seus ollos nunha nova 'perla' pontevedresa deste deporte, Natalia Castro Santos.
Esta pontevedresa, desportista do Club Tríatlon Motobike Galaico, foi convocada para unha concentración nacional á que só acudirán as oito mellores deportistas do país na súa categoría.
O Encontro Nacional de Tríatlon celebrarase desde este venres 17 ata o domingo 19 de marzo en Valladolid.
Natalia Castro foi seleccionada tras os seus bos rexistros na toma de tempos organizada pola Federación Galega o pasado mes de febreiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Ademais hai escasas semanas proclamouse tamén campioa autonómica do circuíto Nada e Corre.
Esta concentración organizada pola Federación Española atópase dentro do plan de tecnificación que pretende localizar a novos talentos e realizar un seguimento dos mesmos.