Ata 100.000 dólares de premio e tres días de competición, así é a Super League na que debuta Gómez Noya
Por Diego Espiño
Javier Gómez Noya atópase estes días en Astralia para debutar nunha nova competición, a Super League de tríatlon, que non só reunirá a un elenco de estrelas do seu deporte senón que repartirá a maior bolsa de premios do calendario internacional.
Na primeira carreira deste novo circuíto, en Hamilton Island, estarán 23 triatletas entre os que destacan, ademais do galego, o dobre campión olímpico Alistair Brownlee ou o actual campión das Series Mundiais Mario Mola.
Trátase dun novo formato con carreiras rápidas que apostan pola espectacularidade e en tres días consecutivos, sen apenas descanso, co incentivo para os deportistas dos 100.000 dólares que levará o vencedor da competición, resultante da suma total de tempos. Ademais o segundo gañará 50.000 dólares e o terceiro 25.000, cunha repartición de premios que chega ata a décima posición (2.500 dólares).
O novo chega coa composición da carreira, que arrincará este venres 17 de marzo co Triple Mix, continuará o sábado co Equalizer e finalizará o domingo co Eliminator.
TRIPLE MIX
Tres roldas con só 10 minutos de descanso entre ambas, sendo a orde de saída o alcanzado na proba anterior:
- Rolda 1: natación (300 metros), ciclismo (6 quilómetros), carreira a pé (2 quilómetros).
- Rolda 2: carreira a pé, ciclismo, natación.
- Rolda 3: ciclismo, natación , carreira a pé.
EQUALIZER
Nunha primeira parte desta disciplina competirase nunha contrarreloxo de ciclismo de 6 quilómetros, logrando un tempo que será tido en conta na saída da segunda rolda. Cada triatleta sairá á distancia perdida con respecto ao primeiro clasificado na contrarreloxo, afrontando a partir dese momento cinco segmentos: 300 metros de natación, 2 quilómetros de carreira, 300 metros de natación, 6 quilómetros de ciclismo e de novo 2 quilómetros de carreira a pé.
ELIMINATOR
Nesta modalidade a velocidade será clave, con tres roldas de natación (300 metros), ciclismo (6 quilómetros) e carreira (2 quilómetros) no mesmo orde que o Triple Mix con dez minutos de descanso entre cada unha, tempo que empiza a contar cando o primeiro clasificado de cada serie cruza a liña de meta. Ademais os últimos en cada rolda serán eliminados, pasando á segunda só os 15 mellores e á última os 10 mellor clasificados. O gañador será o primeiro que entre en meta na terceira das probas.
Todas as xornadas de competición arrincarán ás 6:30 horas (hora española) e poderanse seguir en directo a través da canle Eurosport.