Grave lesión de xeonllo de Johnny Medina na cómoda vitoria do Teucro sobre Gijón Jovellanos (36-25)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Teucro e Gijón Jovellanos protagonizaron un partido sen moita historia. Os asturianos non inquietaron en absoluto ao conxunto azul, que viviu posiblemente, e de longo, o seu partido máis tranquilo da tempada, con notas positivas e moi de agradecer dos de Quique Domínguez, como o feito de que os menos habituais se esforzasen, conseguindo agradar ao público, e outras tremendamente negativas como a lesión de Johnny Medina, que obrigou ao seu traslado inmediato ao Hospital Quirón Miguel Domínguez e que, pendente de diagnóstico definitivo, apunta a unha grave lesión de ligamentos no seu xeonllo dereito, o que en caso de confirmarse faríalle perder o que resta de tempada.
Non estaban Samu Gómez nin Carlos García. A visita do vicecolista e virtualmente descendido Gijón Jovellanos, ademais do parón dunha semana que se aveciña, aconsellaban non arriscar, reservando a dous xogadores importantísimos para o sprint final de seis partidos nos que o Teucro xogarase manter a súa vantaxe e conseguir o ascenso directo.
A grata sorpresa para os afeccionados azuis chegaba ao ver na pista, tras máis de nove meses de calvario, ao lateral José Manuel Rial, que regresaba tras a súa lesión de ombreiro, no que pode significar a mellor noticia para o equipo teucrista, que recupera a unha xogador clave no momento decisivo da tempada. Rial xogou o últimos dez minutos. Fíxoo só en defensa, que tampouco era cuestión de arriscar e máis tras perder a Medina, pero polo menos serviralle para ir collendo sensacións en pista.
O partido durou o que quixo o Teucro. Desde o asubío inicial viuse claramente que a diferenza entre ambos equipos era abismal. Sen necesidade de pisar en ningún momento o acelerador, os de Quique Domínguez sumaban goles polo sinxelo procedemento de chegar, lanzar e marcar. Sen oposición defensiva, os seis primeiros lanzamentos a porta dos azuis acabaron co porteiro asturianio recollendo o balón dentro da súa meta.
Ata o minuto 15 os xixoneses mantivéronse relativamente preto (10-7). Pero era un espellismo con respecto á diferenza real en pista. No seguintes cinco minutos o Teucro fixo un parcial de 5-1 e foise ao 15-8, deixando o resultado só pendente de saber os algarismos finais.
Dani Hernández, autor de sete goles nese curto espazo de tempo, e auténtico amo da pista, foi ao banco, para non volver apenas máis que uns minutos na segunda metade. Quique Domínguez decidiu que era un excelente día para dar descanso ao veterano lateral, aproveitando tamén para repartir minutos entre todos os seus homes. Nin con esas baixou a diferenza, que ao descanso mantívose nos sete tantos (19-12).
Por se quedasen dúbidas, ao regreso de vestiarios o Teucro fixo un 3-0 que elevaba a diferenza a dez (22-12). O "peixe" estaba vendido. O que restaba ata o final, que era moito, sobrou, tanto que a alegría polos dous puntos quedou embazada pola lesión de Johnny Medina, que nun contragolpe claro pisaba mal, tras sufrir un contacto a destempo de Javi Sainz e tiña que ser retirado, cunha lesión que pendente de confirmación, pinta mal, tanto que podería perder o que resta de tempada.
A diferenza seguiu crecendo (28-15, minuto 40) e o Teucro mantendo un alto ritmo na circulación de balón, ata que as facilidades en ataque levaron á relaxación ofensiva, a unha especie de "correcalles", e con el a un intercambio de goles que só serviu para facer subir o marcador, sempre coa cómoda vantaxe local.
SD TEUCRO (36): García Lloria; García Pichel (1), Quintas, Borja Méndez (3), Iván Fernández (4, 2 de penalti), Dani Hernández (7, 2 de penalti), Edu Moledo (4) -sete inicial-, Javi Santana (p.s.); Johnny Medina (2), Óscar Silva (5), Román Pedreira, Sergio Altirriba, Saúl Campo (4), José Manuel Rial, Aarón Díaz (1, de penalti) e Iglesias (5).
GIJÓN JOVELLANOS (25): Cardín; Hugo de la Puente (1), Ortega (1), Pablo (2), Javi Sainz (5), Richi Díez (3), Echarri -sete inicial-, Castelao (p.s.); Diego Cruz, Carlos García (1), Jesús de la Puente (2), Nacho García, Pelayo, Cortina, Iván (9, 4 de penalti) e Plaza (1).
Árbitros: Luís Ignacio Colmenero Guillén e Víctor Rollán Martín (Castela-León). Excluíron dous minutos a Sergio Altiriba e Saúl Campo, polo Teucro, e a Pablo e Javi Sainz, polo Gijón Jovellanos.
Marcador (cada cinco minutos): 5-3, 8-5, 10-7, 15-8, 16-10, 19-12 (descanso), 23-13, 27-15, 30-17, 32-21, 34-23 e 36-25 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). 767 espectadores.
Relacionadas:
-
A primeira final teucrista polo ascenso pasa por Córdoba
Por Diego Espiño |
-
A 'ilusionina' contaxia o Teucro con importantes descontos para os tres últimos partidos de liga
Por Diego Espiño |
-
Medina ten roto o ligamento cruzado do seu xeonllo e di adeus á tempada
Por Diego Espiño |
-
Carlos García e Samu Gómez, dúbida ata última hora no Teucro ante a visita do Xixón
Por Diego Espiño |
-
"As socias invitan" no Teucro-Gijón Jovellanos
Por Redacción |
-
Vibrante #DerbiDoLérez que puido gañar calquera e termina con xusto empate entre Cisne e Teucro (28-28)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |