Chega a hora da verdade para o Teucro
Por Diego Espiño
O Teucro afronta a recta final da liga regular nunha situación de partida inmellorable. Os de Javier Barrios son o sexto mellor equipo da División de Honra Prata, posto que lle daría acceso á fase de ascenso á Liga Asobal.
O meritorio triunfo en Barakaldo relanzou as opcións dos azuis, que na casa se están a mostrar máis que sólidos. Precisamente polo Pavillón, onde só perderon un partido en toda a tempada, na primeira volta ante o Gijón Jovellanos, pasan boa parte das opcións do Teucro de meterse no play-off. Dos cinco partidos que restan, tres serán en Pontevedra e dous deles ante rivais directos.
Tres son as prazas polas que pelexan ata cinco equipos separados por só tres puntos, dando por feito que Gijón e Ángel Ximénez se disputarán o posto de ascenso directo e a primeira praza de promoción.
Con 19 puntos, cuarto e quinto, encóntranse Alcobendas, ao que os pontevedreses visitarán na última xornada, e Bidasoa, un dos rivais directos dos azuis que xogará no Pavillón Municipal, farao na vixésima xornada. Antes pisará a pista pontevedresa o Adelma Sinfín, será o próximo sábado (20:00 horas) no que é posiblemente o partido máis importante dos que restan. Se o Teucro consegue gañar distanciaría ao primeiro equipo que o persegue na clasificación a só un punto.
Entre medias, o conxunto lerezano viaxará ao País Vasco para xogar na cancha do Ereintza, último clasificado e que se está a xogar a permanencia na categoría. Ademais, na penúltima xornada chegará a Pontevedra outro dos bloques potentes da categoría, o Ángel Ximénez, terceiro.