Con todo o plantel 'enchufado' para recibir ao Valladolid B
Por Diego Espiño
As baixas non serán un problema para o Pontevedra no importante partido deste domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Real Valladolid B, rival directo na loita pola cuarta praza.
Tras iniciar a semana con dous futbolistas entre algodóns, Kevin Presa e Jacobo, ambos evolucionaron positivamente das súas respectivas molestias e estarán a disposición do técnico.
Desta forma só Iker Alegre, que encara a fase final de recuperación e está preto de recibir a alta médica, perderá o duelo por lesión. Tampouco haberá sancionados, recuperando tras unha xornada de suspensión a Jacobo Trigo.
Ante esta situación, con 20 xogadores en disposición de entrar na convocatoria, Luisito citou a todos os dispoñibles tralo adestramento celebrado este sábado en Pasarón e realizará dous descartes pouco antes do choque.
O bo momento dos granates contrasta coa crise de resultados que atravesa o filial valisoletano, que encadena catro xornadas sen gañar e que non vence a domicilio desde o 27 de novembro ante o Tudelano, unhas cifras das que non se fían no Pontevedra.
Para animar a previa do encontro, a Agrupación Norte 1941 organiza no acceso de Tribuna unha 'sesión vermú' desde as 12:00 horas. Ademais o equipo granate saltará ao campo con camisetas de apoio á campaña de recaudación de fondos para a investigación sobre a biopsia líquida.
O colexiado do encontro será o tinerfeño Alexander González González.
Relacionadas:
-
Triunfo de triplo valor para o Pontevedra que supera ao Valladolid B (2-0) pero perde de novo a Mario Barco
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra, ante unha xornada clave
Por Diego Espiño |
-
Kevin Presa e Jacobo Millán, entre algodóns
Por Diego Espiño |
-
Gol de ouro de Mario Barco para tombar ao Lealtad (0-1) no último suspiro
Por Diego Espiño |
-
Unha 'sesión vermú' amenizará a previa do partido entre Pontevedra e Valladolid B
Por Redacción |