Tenente de alcalde e campioa de España de marcha en ruta
Por Redacción
O atletismo pasou hai uns anos a un segundo plano na vida de Conchy Campos, pero segue ocupando un lugar importante. Así o demostrou no Campionato de España de Marcha en Ruta celebrado durante a fin de semana na illa canaria de El Hierro.
Campos, concelleira de Igualdade e Benestar Social ademais de tenente de alcalde do Concello de Cuntis, proclamouse en Canarias campioa de España veterana na categoría W-35.
É un novo éxito no seu longo palmarés como atleta, ao percorrer os 10 quilómetros da proba nun tempo de 59 minutos e 7 segundos, impoñéndose cunha ampla marxe sobre a segunda clasificada.
A canteira do Atletismo Cuntis estivo ben representada no Nacional, co resultado destacado de Carmen Escariz, agora no Bidezabal vasco, logrando a medalla de bronce na categoría junior feminina de 10 quilómetros, na que Antía Chamosa foi cuarta.