O Marcón gaña en Cuntis e ponse líder e o Pontevedra B volve complicarse ao caer co Domaio
Por Ramiro Espiño
Aproveitou o Marcón Atlético que o Beluso non pasou do empate na súa visita ao Juvenil de Ponteareas para superalo na táboa e alzarse ao liderado tras gañar ao pechacancelas Atlético Cuntis na Ran, nun partido non exento de dificultades, que decidiu o maior acerto ante o gol dos pontevedreses.
Os de Oliveira non realizaron un bo partido. Dominaron con relativa solvencia unha primeira parte aburrida, sen apenas chegadas á área, na que os porteiros viviron unha mañá chuviosa pero especialmente tranquila.
Cando se esperaba que na segunda parte fose o Marcón quen fixese valer a diferenza que marca a táboa clasificatoria, sería o Atlético Cuntis o que dispuxese das mellores ocasións, poucas, pero moi claras, que non soubo aproveitar. Primeiro foi unha saída en falso do meta Daniel, que Adrián Souto mandou fóra a porta baleira e logo un remate de Pablo Cancela, desde dentro da área e en inmellorable posición, que enviou por encima do traveseiro.
Pero o que non soubo facer o equipo local, conseguiuno o Marcón a falta de doce minutos. Gelillo controlou un balón dentro da área e bateu con tranquilidade a Diego.
Aínda puido o Atlético Cuntis empatar, nun gran centro de Pablo Fontenla, que rematou de cabeza alto no segundo pau Juan Fuentes. E do que puido ser o empate, chegou a sentenza no último minuto. Cos locais envorcados buscando a meta rival, unha rápida contra do Marcón serviu para que Manu Sieiro pechase a vitoria (0-2), ante o xúbilo da numerosa afección visitante presente na Ran.
Consulta aquí o acta do Atlético Cuntis-Marcón Atlético.
Complícase a vida o Pontevedra B, que saíu derrotado do campo de Príncipe Felipe por un rival directo como o Domaio, o que devolve ao filial granate á zona de perigo máximo, da que sae precisamente o seu rival desta xornada.
Os de Tonete foron incapaces de reaccionar ao gol de penalti conseguido por Aitor para o Domaio, aos 19 minutos de xogo.
Consulta aquí o acta do Pontevedra B-Domaio.
Relacionadas:
-
Igualdade máxima na cabeza trala derrota do Marcón e problemas para o Pontevedra B
Por Redacción |
-
Marcón e Campo Lameiro asinan táboas e o Pontevedra B cae ante o San Miguel
Por Redacción |
-
Triunfo do Marcón para seguir ao axexo do líder e do Pontevedra B para afastarse do descenso
Por Redacción |
-
O Marcón ponse a tiro do líder e o Pontevedra B recupera a confianza cunha goleada
Por Redacción |