De penalti gaña o Céltiga ao Villalonga, Ribadumia puntúa en Bouzas e o Arosa gaña no último minuto
Por Redacción
Un inxenuo penalti e unha rigorosa expulsión por dobre amoestación de Bisti decretada polo tantas veces polémico colexiado vigués Rubén Extremadura Hernández, decidiu o derbi entre Villalonga e Céltiga en favor do equipo da Illa, nun partido no que de novo os de Antonio acusaron a súa falta de efectividade ofensiva.
O Villalonga suma o seu cuarto partido consecutivo sen marcar (un empate e tres derrotas), o que lle coloca en situación de alerta pola proximidade dos postos de perigo, alcanzados case polo seu rival comarcal, que lles devolve a moeda do sucedido na primeira volta no Salvador Otero, aínda que os celestes conservan polo menos o parcial ao seu favor.
Comezaron mellor os locais, levando a iniciativa pero fallando as oportunidades que creaban, ata que aos poucos o Céltiga foi entrando no partido e nivelando as forzas.
Bisti vía a primeira amarela por protestar, superada a media hora de xogo, e ao pouco de comezar a segunda recibía a segunda tras saír do terreo de xogo para atarse unha bota. Un xesto do colexiado fíxolle pensar que autorizaba o seu regreso ao campo, pero Extremadura Hernández dixo que non, que o que indicara era que se puxese o balón en xogo e ante a sorpresa xeral expulsaba por dobloe amoestación ao centrocampista local.
Con case todo o segundo tempo en inferioridade, o Villalonga xogou mesmo mellor, pero unha acción inocente de Manu Santos, dentro da área, faille perder o balón e meter o pé derrubando a un contrario. O penalti transformábao Paco, dando ao Céltiga tres puntos moi valiosos.
Consulta aquí o acta do Villalonga-Céltiga.
Fixo gala de efectividade e boa defensa o Ribadumia para sacar unha vez máis a súa mellor cara ante os favoritos da categoría, arrincando un valioso empate do sempre difícil campo do Baltasar Pujales, nun partido no que o Rápido de Bouzas queixouse moito do labor do colexiado lucense Saúl López Parga, que expulsou ao xogador local Carlos Pereira, por dobre amoestación, e ao adestrador Patxi Salinas.
A primeira parte foi aburrida, con escasas xogadas de perigo. Nunha das poucas nas que o Ribadumia achegouse á área local, conseguiu adiantarse (minuto 38), ao aproveitar Anxo un erro da defensa boucense para rematar por raso sen que Diego puidese facer nada. O Bouzas tivo unha clara ocasión de marcar, pero o remate de Pablo Carnero sacouno Manu Táboas coa axuda do poste.
Na segunda parte o Bouzas empataba ao resolver Carlos Pereira un barullo na área visitante. A partir de aí o Bouzas foise a pola vitoria, ata que Carlos Pereira caía na área. O público local pediu penalti, pero o árbitro interpretou que se tirou, expulsando ao dianteiro por dobre amarela (minuto 73), o que permitiu aos de Sierra defender o empate sen maiores abafos.
Consulta aquí o acta do Rápido de Bouzas-Ribadumia.
Sufriu o Arosa para gañar a un necesitado Castro. Fíxoo cun gol no último minuto que permite aos de Jorge Otero reducir distancias e aproveitar os tropezos de Racing Villalbés e Rápido de Bouzas para achegarse aos postos de cabeza.
O conxunto arlequinado comezou ben, marcando pronto por medio de Sylla e dominando con autoridade o partido. Con todo, a medida que pasaban os minutos, os locais caeron nunha incomprensible relaxación que aproveitou o Castro para empatar, cun gol de Javicho.
A segunda parte seguiu o mesmo guión. De novo o Arosa entrou con forza no campo, adiantándose outra vez ao marcar Julio Rey, tamén aos tres minutos de xogo, pero tamén novamente os locais confiáronse e o Castro empatou por segunda vez cun tanto de Omar.
Quedaba máis de media hora de partido. O Castro sufría ademais a expulsión por dobre amoestación de Suso, pero os arosistas non atopaban a maneira de facerse co mando do partido, ata que, cando xa case non quedaba tempo, no último minuto Manu Justo daba a vitoria aos arlequinados, para poñerse a tres puntos do play-off.
Consulta aquí o acta do Arosa-Castro.
Relacionadas:
-
Duro revés para Arosa e Ribadumia, respiran Villalonga, gañando nas Pontes, e Céltiga, que frea ao Cerceda
Por Redacción |
-
Cómodo triunfo do Arosa, golea o Villalonga, gaña o Céltiga unha final en Redondela e cae o Ribadumia
Por Redacción |
-
O Arosa métese na "pomada", valioso empate do Céltiga e derrotas de Ribadumia e Villalonga
Por Redacción |
-
Tropeza o Arosa que perde a Monroy con fractura de clavícula e o Céltiga aproveita a visita do pechacancelas
Por Redacción |
-
O Arosa supera ao Céltiga, triunfo dun bo Ribadumia e derrota na casa do Villalonga
Por Redacción |
-
Changui decide un emocionante partido entre Ribadumia e Arosa e o Villalonga empata sen goles
Por Redacción |