Demasiado castigo para o Villalonga (1-4) ás mans do Deportivo B
Por Redacción
Xogábase moito o Villalonga fronte a un rival difícil como o Deportivo B, que ademais acudía a San Pedro obrigado tamén a gañar para non se ver apeado das prazas de play-off. Os locais intentárono, pero víronse superados polo conxunto branquiazul, que conseguiu poñerse por diante no marcador, e non só non se descompuxo ao recibir o empate, se non que na xogada seguinte tomaría de novo a dianteira, nun deses chamados goles psicolóxicos que lle permitiría irse ao descanso por diante no marcador.
Luis Fernández, aproveitando un servizo de Lemos, abría o marcador, no minuto 25. Os de Julián Ferreiro empataban por medio de Miguel Vázquez, ao fío do descanso, pero sen tempo para celebralo, na xogada seguinte de novo Luis Fernández poñía por diante ao conxunto herculino cun gran disparo dende lonxe que entra tras rozar nun defensa, nunha xogada desgraciada para os celestes.
A reanudación tivo un Villalonga envorcado en busca do empate, pero de novo sen fortuna, ata que á saída dun corner o Deportivo sentencia ao rematar Sidibé no segundo pau.
Co conxunto local á desesperada, Lemos amplía culminando un contraataque sen que a inferioridade numérica provocada pola expulsión de Sidibé servise para que os locais puidesen nin sequera recortar distancias.
En suma, duro revés para o Villalonga, que non mereceu tan duro castigo, compensado en parte polo tropezo do Dorneda na casa, o que permite ao equipo celeste manterse a só dous puntos da permanencia.
VILLALONGA, F.C. (1): Roberto Pazos; Isma (Ramón, min. 85), Miguel Vázquez, Marc, Quini, Tenorio (Javi Nogueira, min. 76), Nelo (Oliveira, min. 65), Fran Matos, Saúl, Machu e Jorge Fernández.
DEPORTIVO B (4): Marc Martínez; Vela, Rober, Sidibé, Ángel, Adrián Martínez, Teles (Álex Pérez, min. 85), Lemos, Romay, Jorge Cano (Víctor, min. 65) e Luis Fernández (Adrián Gallego, min. 81).
Árbitro: Pablo Botana Rey (Santiago). Expulsou con vermello directo a Sidibé (minuto 77). Amoestou Roberto Pazos, Quini e Teles.
Goles: (0-1) Minuto: Luis Fernández. (1-1) Minuto 40: Miguel Vázquez. (1-2) Minuto 41: Luis Fernández. (1-3) Minuto 62: Sidibé. (1-4) Minuto 73: Lemos.
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga). Uns 400 espectadores.