Taekwondo, loitas olímpicas e piragüismo, protagonistas dunha xornada de recepcións municipais
Por Redacción & Mónica Patxot
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, ofreceron este martes senllas recepcións oficiais a deportistas de tres clubs da cidade polos seus resultados deportivos en competicións autonómicas, nacionais e internacionais.
O primeiro club en acudir ao Concello foi o Suh Taekwondo Pontevedra, cuxos deportistas destacaron nos últimos meses en competicións como a liga Profesional, o Open de España, o Campionato de España ou o Open de París. Acudiron á recepción taekwondistas como Alejandro Costado, Elena Cubas, Verónica González, Sandra González, Alma Pérez, Javier Torrado, Alba Caamaño e Sandra Bouzas.
Despois foi a quenda do Club Loita Pontevedra, inmerso actualmente na preparación do Campionato de España Absoluto que se celebrará na cidade de Lérez os días 24 e 25 de marzo. Representaron ao club dous dos seus principais baluartes, Lydia Pérez, recentemente proclamada campioa de España sub-23, e Pablo García, campión nacional cadete de loita grecorromana.
Por último acudiron a dependencias municipais deportistas da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra nunha delagación encabezada polo seu presidente Óscar Ponte. Os deportistas homenaxeados foron Carolina García, Alba Lorenzo e Noelia Rodríguez.